A Xunta recibe 9 ofertas para executar unha nova senda peonil na parroquia de Budiño, no Porriño

Este itinerario na PO-510 suporá un investimento de máis de 250.000 € e reforzará a seguridade e a mobilidade dos peóns no treito desta estrada, na zona da Vaquería

A senda, cunha lonxitude de 640 m, desenvolverase pola banda esquerda desta vía

Acondicionarase a parada de autobuses e procederase á substitución da marquesiña existente para acadar maior comodidade dos usuarios do transporte público

As intervencións enmárcanse no Plan de sendas de Galicia, a través do que a Xunta xa executou máis de 300 km de itinerarios peonís e ciclistas e prevé acometer nesta lexislatura outros 150 km máis

O obxectivo da Xunta é comezar as obras da senda en agosto e que poida estar á disposición dos veciños de Budiño na primavera de 2025

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas recibiu 9 ofertas de empresas para executar unha nova senda peonil na parroquia de Budiño, no concello do Porriño.

Esta actuación, que suporá un investimento autonómico de máis de 250.000 €, ten como obxectivo habilitar na estrada PO-510 este itinerario é permitir desprazamentos a pé en condicións de seguridade nesta parroquia de Budiño, en concreto na zona da Vaquería.

A solución deseñada polo departamento que dirixe María Martínez Allegue centrarase  así en reforzar a seguridade e  a mobilidade dos peóns nun treito de estrada que ten unha densidade de tráfico moi elevada, alcanzando máis de 20.000 vehículos diarios.

En concreto, executarase unha senda, cunha lonxitude de 640 metros pola banda esquerda da estrada,  de 1,80 metros de ancho con bordo e unha elevación con respecto á rasante da calzada de 10 centímetros, agás nos accesos ás vivendas ou fincas.

Nas beirarrúas, e onde así o indique a normativa de accesibilidade, colocarase pavimento táctil nos vaos peonís, para aumentar a seguridade con sinais que fomentan a inclusión.

A actuación proxectada tamén inclúe o acondicionamento da parada de autobuses e a substitución da marquesiña existente, para acadar maior comodidade dos usuarios do transporte público.

O obxectivo da Xunta é comezar as obras da senda en agosto para que poida estar á disposición dos veciños de Budiño na primavera de 2025.

Estas intervencións enmárcanse no Plan de sendas de Galicia, a través do que a Xunta xa executou máis de 300 km de itinerarios peonís e ciclistas e prevé acometer nesta lexislatura outros 150 km máis.

Data de actualización: 22/05/2024