O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe o inmoble no que se acometerá a actuación

A Xunta financiará con 350.000 euros a reforma da vella escola de Sobrado dos Monxes como centro de día para persoas maiores

Contará con capacidade para dar servizo a 25 usuarios

A actuación forma parte dun Plan de investimentos de 18,5 millóns de euros que está a desenvolver o Goberno galego para fortalecer a rede de centros de atención ás persoas maiores que dependen dos concellos

Sobrado dos Monxes (A Coruña), 22 de maio de 2024

A Xunta financiará con 350.000 euros o 100 % das obras de rehabilitación da antiga escola do concello como centro de día para persoas maiores, cuxa xestión dependerá do concello. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do alcalde, Luis Lisardo Santos, visitou hoxe o inmoble no que se levará a cabo esta actuación que se sufragará con cargo ao Plan de investimentos do Goberno galego para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais municipais.

Este novo servizo de atención diúrna terá capacidade para 25 usuarios. A actuación proxectada respectará o volume orixinal do actual inmoble e propón a incorporación dun novo espazo de planta baixa pegado ao mesmo. Tamén se recuperarán os restos dun muro xa existente para formar unha nova estancia a modo de galería que funcionará como prolongación da sala polivalente que terá o futuro centro.

Esta actuación é unha das máis de vinte que o Executivo autonómico financiará ao abeiro do seu Plan de investimentos, que se acordou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e conta cun orzamento de 18,5 millóns de euros.

Impulso dos servizos para os maiores

Durante a visita, Perfecto Rodríguez destacou o reforzo que suporá o Plan de investimentos para as residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais que dependen das administracións locais. Non só en canto á mellora de instalacións, tamén implicará a creación de 500 novas prazas públicas de residencias e outras 150 de atención diúrna. Un impulso histórico da Xunta á atención que reciben os maiores galegos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2024