Lorenzana reúnese con responsables do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia para avanzar nos traballos de elaboración do plan director para o sector

A Conselleira de Economía e Industria aproveitou o encontro para explicarlles o novo programa de axudas para a industria auxiliar que contempla apoios máximos de entre 300.000 e 700.000 € por proxecto

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro con representantes do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), con quen analizou a situación que está a atravesar un sector que xera na Comunidade 25.000 empregos e que está a afrontar un proceso de transformación para a descarbonización.

Neste contexto, Xunta e CTAG abordaron os avances na elaboración do plan director da automoción, unha ferramenta que o Goberno galego agarda presentar o vindeiro mes de xullo, dando cumprimento ao comprometido nos primeiros cen días de Goberno. Cómpre lembrar que o plan director contará coas medidas, mecanismos e medios necesarios para fortalecer o sector, mellorar a competitividade, fomentar a súa internacionalización e sustentabilidade, impulsar a innovación industrial, incrementar o emprego e estimular a captación de investimento. Como primeiro fito, levouse a cabo unha consulta pública a través do portal de transparencia e goberno aberto para solicitar a opinión da cidadanía e das organizacións e asociacións máis representativas. Ademais, na elaboración do plan participará o sector privado, representantes dos traballadores e resto de axentes implicados, polo que contará tamén coas achegas do CTAG.

Lorenzana tamén aproveitou o encontro de hoxe para informarlles do novo programa de axudas que vén de aprobar o Goberno galego para empresas provedoras da automoción en todo o ecosistema do sector en Galicia, dotado con 18 M€ e que será convocado en xuño. Un programa que inclúe dúas liñas de axuda, a primeira delas, de ata 300.000 euros, destinada a atender tanto o gasto en equipamentos como o que respecta á elaboración de novos proxectos. Os apoios, en concorrencia non competitiva, cobren ata o 70 % destes gastos subvencionables, executados dende o 1 de xaneiro ata a data de presentación da solicitude. Son, por exemplo, para a compra de maquinaria, as reformas das naves de produción ou os gastos de consultoría enerxética.

A segunda liña, con  axudas máximas de ata 700.000 euros, cobre entre o 35 % e o 55 % dos custos de investimento en proxectos de eficiencia enerxética e renovables. Neste caso, para actuacións como a implantación de enerxías térmicas ou eléctricas (paneis fotovoltaicos ou minieólicos) ou para realizar melloras de eficiencia enerxética nas instalacións.

Finalmente, o encontro serviu tamén para poñer enriba da mesa a posibilidade de avanzar en novas liñas de apoio a través dos fondos europeos Feder. Unhas achegas das que se podería beneficiar o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia no marco da estratexia do sector para os vindeiros anos. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2024