Alfonso Villares mantén un encontro de traballo con Anmupesca para analizar as necesidades do sector

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo un encontro de traballo con representantes da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca) para analizar as necesidades e demandas das profesionais do mar. Na xuntanza o responsable autonómico trasladou á presidenta do colectivo, Rita Míguez, a vontade de traballar man a man co sector no marco dun modelo de xestión de cogobernanza co obxectivo de articular as mellores medidas para responder de xeito eficaz aos desafíos presentes e futuros do sector pesqueiro. Nesta liña, abordaron a loita contra o intrusionismo no caso do traballo que desenvolven as redeiras, unha actividade na que a comunidade é referente nacional, e na importancia de afondar na profesionalización mediante a formación e información así como na mellora das súas condicións de traballo que permita facelo atractivo ás novas xeracións e así garantir a remuda xeracional.

Alfonso Villares tamén estudou coas responsables de Anmupesca os efectos negativos que ten o desprazamento da frota a faenar cara caladoiros situados ao norte o que causa nalgunhas épocas do ano unha importante redución da súa carga de traballo. Esta reunión está enmarcada dentro dos contactos periódicos que se mantén desde a Consellería do Mar cos diferentes entidades do sector e que complementan as que se manteñen coas federacións de confrarías como máximas representantes dos profesionais da actividade pesqueira en Galicia.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 21/05/2024