O Servizo Galego de Saúde publica as listas provisionais de selección temporal de catro categorías de persoal estatutario

Xeráronse un total de 23.541 inscricións para as categorías de auxiliar administrativo, persoal de servizos xerais, cociñeiro e pinche

Resultaron admitidos 22.919 aspirantes

O 9,92 % foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a relación provisional coa orde de prelación e a puntuación obtidas polos aspirantes admitidos no proceso de elaboración das listas de selección temporal do Servizo Galego de Saúde das categorías de auxiliar administrativo, persoal de servizos xerais, cociñeiro e pinche.

O total de aspirantes admitidos foi de 22.919 persoas. Por categorías, admitíronse 11.525 aspirantes en grupo auxiliar da función administrativa, 6.912 en persoal de servizos xerais, 3.938 en pinche e 544 en cociñeiro. 

O número de novas inscricións en relación ao pasado ciclo é de 1.137 en grupo auxiliar da función administrativa, 881 en persoal de servizos xerais, 257 en pinche e 61 en cociñeiro.  

As listas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Sergas, no apartado Emprego Público-Listaxes de contratación persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

As persoas interesadas poderán presentar reclamación ante as xerencias das áreas sanitarias e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade no prazo de dez días hábiles, ata o 4 de xuño.

Próximas publicacións

Mañá 22 de maio publicaranse as listas provisionais das categorías de celador, celador (quenda discapacidade intelectual), técnico en farmacia, técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico superior en dietética, técnico superior en documentación sanitaria, técnico superior en hixiene bucodental, técnico superior en imaxe para o diagnóstico,  técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico e técnico superior en radioterapia.

Data de actualización: 21/05/2024