A conselleira do Medio Rural recoñece o traballo e profesionalidade do persoal de loita contra os incendios forestais

María José Gómez mantivo un encontro coas asociacións de bombeiros forestais e traballadores de incendios para coñecer as peticións e demandas destes profesionais que forman parte do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF)

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, mantivo esta semana unha reunión con representantes das asociacións de bombeiros forestais e traballadores de incendios, co fin de coñecer as súas peticións e demandas, establecer vías de cooperación e recoñecer o seu traballo e profesionalidade, que axudan a situar o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) como unha referencia a nivel nacional e internacional.

Así, a titular de Medio Rural, acompañada polo secretario xeral técnico da Consellería, Jorge Atán, e polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, reuniuse con membros da Asociación Profesional de Bombeiros e Bombeiras Forestais de Galicia (APROPIGA) e da Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia (ATRIFOGA).

No encontro manifestouse a importancia que ten este persoal en Galicia, polo que a Xunta segue a traballar por mellorar as súas condicións laborais na loita contra os lumes. Nesa liña, abordáronse cuestións como a ampliación do tempo de traballo do persoal de 6 meses, que se irá ampliando de xeito gradual ata os 9 no ano 2026. De feito, este ano xa se incorporou por un período de 7 meses o pasado mes de abril.

Outros temas que se trataron na reunión foron relacionados coa dotación de medios ou a rede de bases coas que conta o SPIF. A formación do persoal ou a colaboración nas emerxencias no rural galego tamén se abordaron nesta xuntanza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2024