O presidente da Xunta asiste á inauguración da IX Navalia que se celebra en Vigo
Rueda pon en valor a potencia do naval galego e as oportunidades de futuro dun dos motores da economía da comunidade
Asegura que é “un dos escaparates” de Galicia no exterior e un sector que cómpre “coidar” xa que representa o 5% do PIB galego e que da traballo a 26.000 persoas
Galicia é a comunidade con maior número de novos contratos do naval
Insta a aproveitar as oportunidades de novas iniciativas coma a eólica mariña
A Xunta leva tempo reclamando ao Goberno central unha nova convocatoria do Perte naval
Vigo, 21 de maio de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor esta mañá o potencial do sector naval galego e as oportunidades de futuro dun dos eidos estratéxicos da economía de Galicia.
Durante a inauguración da IX Navalia que se celebra ata o vindeiro xoves en Vigo, Rueda resaltou que Galicia ten todas as características para consolidarse como referente internacional neste sector e “aproveitar as oportunidades” que ofrecen novas iniciativas coma a eólica mariña. “Temos experiencia”, un “excepcional” nivel na construción naval e “un mar que explica a nosa historia pasada, presente e futura”.
Para o presidente o sector naval “é un escaparate de Galicia” que cómpre “coidar” e seguir potenciando para que este eido siga sendo unha parte importante “da Galicia do futuro”.
Na actualidade o sector naval representa o 5% do PIB galego e xera emprego de forma directa ou indirecta a 26.000 persoas en toda a comunidade. Ademais, Galicia é a autonomía con maior número de novos contratos do naval de toda España con sete contratos e 17 buques encargados.
A Xunta leva tempo reclamando ao Estado unha nova convocatoria do Perte naval para dar estabilidade e garantías de futuro a un sector co que o Goberno autonómico xa está a traballar no deseño dun plan director específico.