A directora xeral de Patrimonio Natural visitou hoxe o concello de Porqueira co gallo do Día europeo da Rede Natura 2000

A Xunta salienta o seu compromiso coa Rede Natura e as iniciativas que buscan a súa mellora e protección

Marisol Díaz lembra que en xaneiro o Goberno galego convocou axudas por 2,8 M€ para concellos, particulares, asociacións sen ánimo de lucro e comunidades de montes con proxectos destinados a recuperar, preservar e mellorar a biodiversidade destes espazos

Porqueira (Ourense), 21 de maio de 2024

A Xunta segue apostando pola posta en valor dos espazos Rede Natura 2000 existentes en Galicia, un compromiso que se plasma desde hai anos na convocatoria de axudas para apoiar a execución de obras e iniciativas co obxectivo común de mellorar e protexer a biodiversidade destes espazos.

Así o salientou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, quen visitou o municipio ourensán de Porqueira coincidindo co Día europeo de Rede Natura 2000 para achegarse ata o carreiro das Fervenzas do río Fírveda, onde o Concello recibiu unha subvención autonómica para executar no período 2022-2023 traballos de mellora e sinalización cos que reforzar o uso recreativo desta zona, incluída na ZEPA A Limia.

Ao respecto, a directora xeral felicitou á alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, polos resultados da actuación e lembrou que o pasado mes de xaneiro a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático convocou unha nova orde de axudas destinada a financiar futuros proxectos para recuperar, preservar e mellorar a biodiversidade tanto da Rede Natura 2000 como dos sistemas agrarios de alto valor natural que a rodean.

Cun orzamento global de 2,8 millóns de euros, Marisol Díaz explicou que esta nova convocatoria bianual de axudas está dirixida a concellos incluídos total ou parcialmente na Rede Natura de Galicia, persoas físicas, asociacións sen ánimo de lucro e comunidades de montes veciñais en man común que queiran impulsar proxectos para, por exemplo, a eliminación de especies invasoras, a restauración da vexetación de ribeira ou a recuperación de puntos de auga ou áreas asolagadas.

O 12% do territorio galego

Ademais, tamén poderán recibir financiamento para levar a cabo actuacións que teñan como obxectivo a mellora da paisaxe agraria en Rede Natura, como a restauración de cercas ou muros de cachotaría e cantería; a adecuación de carreiros rurais; a creación de rutas e áreas recreativas, e a sinalización de camiños e sendas.

Tras lembrar que en Galicia preto de 375.000 hectáreas están amparadas baixo esta figura —o 12% do territorio—, a responsable autonómica explicou que con esta orde de axudas a Xunta busca potenciar e preservar os elementos, actividades e paisaxes que caracterizan a Rede Natura, a maior rede de espazos protexidos do mundo, que atesoura un altísimo patrimonio ecolóxico, social e económico e que, incidiu, cómpre poñer en valor e divulgar entre a cidadanía, motivo polo que cada 21 de maio se conmemora a nivel europeo, coincidindo coa data de aprobación da Directiva Hábitats en 1992.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2024