A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, mantivo hoxe unha reunión coa Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Ourense

A conselleira Martínez Allegue avanza que a Xunta construirá 66 novas vivendas de promoción pública en Ourense, que suporán un investimento de máis de 11 M€

Martínez Allegue sinala que a Xunta presentou ante o Concello de Ourense a solicitude de licenza para executar estas vivendas na praza de Cambedo de Raia, cuxas obras se licitarán no verán

Concreta que o investimento previsto na construción destas vivendas supera os 10 M€, aos que se suman 1 M€ para adquirir o solo necesario e máis de 426.000 € para a redacción dos proxectos

Destaca que no marco do programa Rexurbe de Rehabilitación de Vivendas en conxuntos históricos, están en proceso de licitación 6 vivendas na praza Manuel Sueiro e nas rúas Liberdade, 28 e Pelayo, 9

Indica que a través deste programa de rehabilitación tamén está adxudicada a redacción do proxecto para acadar 5 vivendas en Ribadavia; e prevese a licitación do proxecto para construír 3 vivendas en Oímbra

Fai fincapé nunha das principais metas da lexislatura, que é duplicar o parque público ata as 8.000 vivendas e desenvolver solo para promover 20.000 vivendas protexidas

Ourense, 21 de maio de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, avanza que a Xunta construirá 66 novas vivendas de promoción pública en Ourense, que suporán un investimento de máis de 11 M€.

Así o sinalou hoxe Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo Cid, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García, nunha reunión coa Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Ourense (ACO).

Salientou que a Xunta xa presentou ante o Concello de Ourense a solicitude de licenza municipal para executar estas vivendas nas parcelas adquiridas polo Goberno galego na praza de Cambedo de Raia. A previsión é licitar as obras este verán.

Detallou que xa se atopa en redacción o proxecto de execución das vivendas, que se presentará ao Concello despois de incorporar ao mesmo os requirimentos que os técnicos municipais realicen a partir do proxecto básico.

Concretou que ademais do investimento previsto na construción destas vivendas, máis de 10 M€, cómpre sumar a achega de máis dun millón de euros destinados á adquisición do solo necesario e os máis de 426.000 € para a redacción dos proxectos.

Lembrou que ademais, a través do programa Rexurbe de Rehabilitación de Vivendas adquiridas en conxuntos históricos, están en proceso de licitación 6 vivendas na praza Manuel Sueiro e nas rúas Liberdade, 28 e Pelayo, 9.

Engadiu outras previsións na provincia de Ourense, no marco do programa Rexurbe. Así, está adxudicada a redacción do proxecto para acadar 5 vivendas en Ribadavia; e prevese a licitación do proxecto para construír 3 novas vivendas en Oímbra.

A Xunta, ademais do impulso destas novas vivendas, ten concedido distintas liñas de axudas -á mellora de vivendas de titularidade municipal, do fondo de cooperación cos concellos ou á eficiencia enerxética- , mobilizando un investimento global de máis de 30M€ na provincia ourensá.

A conselleira enmarcou estas actuacións nunha das principais metas na lexislatura, que é duplicar o parque público de vivenda ata as 8.000 e desenvolver solo para nun futuro promover 20.000 vivendas protexidas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2024