A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático inaugurou hoxe o Foro "Enerxías renovables e descarbonización: unha aposta de futuro para as empresas galegas"

A Xunta salienta Galicia como unha potencia no eido das enerxías renovables a través de proxectos viables, sostibles e respectuosos co medio ambiente

Ángeles Vázquez incide no papel proactivo do Goberno galego no impulso do proceso de transformación necesario para avanzar cara a un novo modelo produtivo que poña a sostibilidade no centro

Avoga por aproveitar a oportunidade que supón este novo escenario para seguir avanzando na acción climática, tal e como está a facer a Xunta co desenvolvemento de iniciativas pioneiras que consoliden Galicia como unha comunidade resiliente

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2024

A Xunta salienta que Galicia é xa unha potencia no eido das enerxías renovables a través de proxectos viables, sostibles e respectuosos co medio ambiente, coa contorna e co patrimonio natural da Comunidade.

Durante a súa participación na inauguración do Foro Enerxías renovables e descarbonización: unha aposta de futuro para as empresas galegas, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, incidiu no papel proactivo do Goberno galego no impulso do proceso de transformación necesario para avanzar cara a un novo modelo produtivo que poña a sostibilidade no centro.

Nesa liña, logo de explicar que entre xaneiro e abril deste ano a xeración renovable acadou por primeira vez o 89,2% de toda a electricidade producida en Galicia e a porcentaxe total de renovable no uso final na Comunidade ascende xa ao 44,3%, Ángeles Vázquez subliñou que “xa estamos posicionados como referentes na descarbonización e na transición enerxética”, e engadiu que, ademais de ser xusta, debe compatibilizar o desenvolvemento económico e a sostibilidade.

Tal e como aseverou Ángeles Vázquez, “non é posible crecer economicamente se non se fai desde a base dunha economía verde” e, nese senso, avogou por aproveitar a oportunidade que supón este novo escenario para seguir avanzando na acción climática, tal e como está a facer a Xunta co desenvolvemento de iniciativas pioneiras que consoliden Galicia como unha comunidade resiliente.

Así, cómpre lembrar que hai dous anos a Xunta puxo en marcha a Alianza galega polo clima, que conta xa con 120 entidades adheridas -empresas, universidades, autoridades portuarias ou clubs deportivos-, co obxectivo de conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática.

E, a maiores, segundo lembrou a conselleira, a pasada semana presentou a Rede local polo clima, que ademais de coordinar cos concellos as actuacións para aproveitar sinerxías na loita contra o quecemento global e, ao mesmo tempo, promover políticas locais de sostibilidade ambiental, facilitando a xestión do coñecemento así como a difusión e intercambio de experiencias.

Estas medidas, xunto coa estabilidade e a seriedade á hora de desenvolver proxectos industriais coas máximas garantías medioambientais, son imprescindibles para que o futuro de Galicia sexa “máis competitivo, máis verde, máis sostible e de calidade”, concluíu Ángeles Vázquez.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2024