O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou hoxe o Hub de empregabilidade da Fundación Santa María la Real co que colabora a Xunta

José González salienta a importancia dos programas de activación para o emprego para axudar ás persoas con máis dificultades a acceder a un traballo

A iniciativa, coa previsión de estenderse ata 2028, acaba de comezar coa participación dunhas 80 persoas, sobre 60 en Santiago, no Centro Integrado de Formación Profesional, e unhas 20 na Lanzadeira de Emprego Nómade da Coruña

A actuación xa acadou a inserción laboral de varias persoas en menos de dous meses desde que se iniciou a mediados de abril

Ofrécese aos participantes para incrementar as súas oportunidades laborais unha orientación actualizada, guiada por técnicos especialistas e adaptada ás necesidades de cada alumna ou alumno

González destacou a aposta que está a facer o Goberno galego para dar saída ás vacantes que están sen cubrir no mercado laboral

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou hoxe o programa novo de activación para o emprego que está a desenvolver a Fundación Santa María la Real co apoio da Xunta para acadar a inserción laboral das persoas que presentan máis dificultades para acceder a un traballo. Ao acto tamén acudiron o director da Fundación Santa María la Real, Álvaro Retortillo, e o presidente da Fundación Iberdrola España, Fernando García.

O hub de empregabilidade comezou a mediados do mes de abril en Santiago, no Centro Integrado de Formación Profesional adscrito á Consellería, coa participación dunhas 60 persoas, ás que se suman outras 20 que están tomando parte na Lanzadeira de Emprego Nómade da Coruña. En total son preto de 80 persoas das que un total de cinco xa acadaron o obxectivo da iniciativa: a inserción no mercado de traballo. Nas instalacións de Santiago están a levarse a cabo dúas actividades: a Lanzadeira Activa e Despega.

Todos os participantes pertencen aos colectivos prioritarios para a Xunta de Galicia como son, entre outros, os parados de longa duración, persoas con baixa cualificación, inmigrantes, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade, integrantes de fogares con todos os seus membros en desemprego ou familias monoparentais.

Ao longo de sete meses e, de balde, os participantes reciben orientación actualizada, guiada por técnicos especialistas e adaptada ás necesidades de cada un, así como sesións con expertos en emprego verde sustentable, mercado e tendencias laborais, ao tempo que se imparten accións de capacitación dixital ou formación en sectores con alta demanda.

O reto é   reactivar a busca de traballo dos participantes e mellorar a súa empregabilidade con novas técnicas e tendencias do mercado actual, así como fomentar a súa inserción laboral.

A actuación ten o propósito de estenderse nos vindeiros anos, ata 2028. De feito, o programa mantén aberta a preinscripción para as seguintes edicións que se desenvolverán en Galicia. As persoas interesadas en participar deben completar este formulario: https://hubsempleabilidad.com/preinscripcion/.  A iniciativa conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e da Xunta de Galicia a través dun convenio de colaboración.

Vacantes laborais

En palabras do conselleiro, o Goberno galego apoia e cre neste tipo de proxectos porque vai en consonancia cun dos obxectivos prioritarios do Goberno galego: dar as maiores facilidades ás persoas que buscan un emprego e non o atopan.

O mercado de traballo de Galicia conta cunhas 12.000 vacantes sen cubrir, polo que a Xunta está centrada en poñer en marcha diferentes actuacións para casar oferta e demanda, entre outras, segundo destacou o conselleiro, ofrecendo formación á carta a través dos clústeres ao tecido produtivo. Tamén a través da ferramenta dixital EMi, que baseándose na intelixencia artificial está a dotar ao Servizo Público de Emprego dos recursos necesarios para que as empresas poidan localizar o mellor talento, ao tempo que as persoas que recorren a el conseguen consolidar a súa traxectoria profesional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2024