A conselleira do Medio Rural reúnese coa directiva da Asociación Forestal de Galicia

O encontro forma parte da rolda de contactos que está a manter María José Gómez con responsables do sector e nel abordáronse cuestións como a mellora da fiscalidade, a xestión forestal ou a produción madeireira

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, continuou hoxe coa súa rolda de contactos con representantes do sector forestal galego, co fin de reforzar a colaboración público-privada a prol deste eido estratéxico da nosa economía. 

Así, este mediodía a titular de Medio Rural, acompañada polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, reuniuse co presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG), Antonio Rigueiro, e co resto da súa xunta directiva. A AFG agrupa propietarios de montes particulares e comunidades de montes veciñais en man común de toda a comunidade autónoma.

No encontro púxose de relevo a importancia deste colectivo en Galicia, xa que a inmensa maior parte do monte galego está en mans privadas. Así mesmo, abordáronse cuestións de interese para a asociación, como a mellora da fiscalidade, a xestión forestal ou a produción madeireira. 

Tamén se tratou a colaboración en materia de fomento das agrupacións forestais de xestión conxunta, unha figura da Lei de recuperación da terra agraria e da Lei de Montes que procura optimizar o aproveitamento e ordenación dos montes a través da agrupación da súa propiedade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2024