A Xunta destaca o papel da Unión de Federacións Deportivas Galegas na promoción do deporte federado

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes mantivo hoxe unha reunión con representantes da xunta directiva da entidade, que representa as federacións deportivas da comunidade, para abordar o apoio do Goberno galego á súa actividade

No encontro, deuse a coñecer a nova convocatoria do Plan Corresponsables da Xunta que permite a conciliación laboral e familiar a través do deporte e o Protocolo de protección dos nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia no deporte aprobado a semana pasada

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo hoxe unha reunión con representantes da xunta directiva de Unión de Federacións Deportivas Galegas (Ufedega), para abordar as liñas da colaboración da Xunta en apoio ás federacións deportivas galegas. Na reunión, Diego Calvo puxo en valor o papel de Ufedega e das respectivas federacións como actores principais na promoción do deporte federado galego e no desenvolvemento das distintas modalidades e especialidades deportivas.

Cómpre destacar que a Xunta mantén un convenio anual co que contribuír ao financiamento de gastos de programas de formación, asesoramento e apoio ás federacións deportivas galegas. En concreto, asistencia xurídica deportiva, actuacións de comunicación e promoción do deporte federado, asesoramento e formación. Con este apoio da Xunta, a cidadanía ten acceso á práctica da actividade deportiva federada, e un mellor servizo por parte das federacións deportivas galegas que poden levar a cabo as súas funcións exclusivas.

Precisamente no que se refire á programación formativa de Ufedega, no encontro de hoxe tamén se presentou as próximas xornadas formativas sobre a Lei Orgánica de Protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia, dirixida aos futuros delegados de protección de entidades deportivas. Nesta liña, tratouse o Protocolo de protección dos nenos, nenas e adolescentes (NNA) fronte a violencia no deporte, aprobado polo Observatorio da Familia e da Infancia da Xunta a semana pasada, que é de obrigado cumprimento para todas as entidades deportivas galegas co obxectivo de prever e identificar calquera situación de violencia ou risco e actuar o antes posible.

A reunión serviu para presentar a nova convocatoria do Plan Corresponsables, que tamén hoxe se aprobou na reunión do Consello da Xunta. A terceira edición do programa contará cun orzamento de 1,3 millóns de euros cunha contía máxima por federación deportiva beneficiaria de 75.000 euros. Estas entidades poderán optar ao programa para financiar os gastos derivados da habilitación de servizos de coidado profesional de nenos, nenas e mocidade de ata 16 anos inclusive e relacionados co desenvolvemento de actividades de animación socio deportiva realizadas polas entidades beneficiarias no marco dos seus programas deportivos. O período de desenvolvemento das actuacións subvencionables comprenderá do 15 de xullo ao 15 de novembro deste ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2024