Moraña renovará a cuberta dun local social, dous palcos e varios lavadoiros grazas á axuda da Xunta para corrección de impactos paisaxísticos

 As obras levaranse a cabo nas parroquias de Saiáns, Amil e San Lorenzo

O delegado territorial visitou o concello e destacou a importancia de traballar na conservación dos elementos históricos de toda Galicia

Estas axudas deixaron na área territorial de Pontevedra preto de 150.000 euros que permitirán realizar varias obras nos concellos de Dozón, Oia, Portas, Moraña e Valga

Moraña (Pontevedra), 20 de maio de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Moraña con motivo das axudas concedidas polo Executivo galego para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos impulsadas polos concellos.

A achega recibida por este municipio, que supera os 33.200 euros, permitirá realizar varias obras coas que Moraña pretende mellorar a imaxe e a comodidade do concello. 20.000 euros serán destinados a cofinanciar as obras de renovación da cuberta e da fachada do local social do Buelo, mentres que os máis de 13.200 restantes permitirán mellorar os palcos de música do Lugar de Saiáns e Lugar de Corrigatos; renovar a fonte de Vilacoba, na parroquia de Amil; e reformar tres lavadoiros na parroquia de San Lorenzo, dous no Lugar de Sorrego e un en Soar.

O delegado territorial aproveitou a visita para destacar o gran aproveitamento que fará o concello de Moraña desta axuda coa que conseguirá “traballar na conservación de varios elementos históricos do concello, á vez que contribuirá a mellorar a paisaxe e a comodidade da veciñanza”.

Cabe destacar que estas axudas aportarán preto de 150.000 euros para a mellora paisaxística coa realización de distintas obras en cinco concellos da área territorial de Pontevedra: Dozón, Oia, Portas, Moraña e Valga.

Agustín Reguera rematou a visita agradecendo ao alcalde de Moraña o seu “traballo impecable” e lembrou que “máis alá das posibles axudas que se ofrezan dende a Xunta de Galicia, é imprescindible que haxa unha vontade e un esforzo por parte dos concellos, algo que Moraña sempre demostrou ter”.

O importe total das distintas actuacións que vai realizar o Concello de Moraña ascende a 70.000 euros, investimento do que as arcas municipais asumirán algo máis da metade e a Xunta cubrirá o 50% restante.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2024