A directora xeral de Patrimonio Natural reuniuse con representantes da entidade

A Xunta brinda o seu apoio ao Club Can de Palleiro na promoción de actividades a prol desta raza autóctona

Marisol Díaz comprométese a apoiar as demandas do colectivo ante o Goberno central para poder continuar co seu labor tras a entrada en vigor da Lei estatal de protección de dereitos e benestar dos animais

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2024

A Xunta brindará o seu apoio e colaboración ao Club de Raza Can de Palleiro nas actividades que promove e organiza para a conservación e posta en valor desta raza autóctona galega, que segundo datos da propia entidade conta nestes momentos con máis de 2.200 exemplares inscritos no Libro xenealóxico correspondente.

Así o trasladou a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, durante a reunión que mantivo recentemente co tesoureiro do club, José Manuel Vales, e co seu ex presidente, Juan Carlos Puente, para coñecer as inquedanzas e os principais retos que afronta a entidade.

Neste sentido, os representantes da asociación lamentaron que coa entrada en vigor en setembro do ano pasado da Lei estatal de protección de dereitos e benestar dos animais, a cría de cans quedou limitada a profesionais autorizados e que conten con núcleos zoolóxicos debidamente rexistrados.

Esta restrición, segundo expuxeron, pode poñer en perigo o labor de asociacións que, como a súa, integran particulares que traballan para garantir a consolidación das razas autóctonas pero que non son criadores profesionais, motivo polo que levan meses pedindo ao Goberno central que introduza unha excepción para garantir o futuro dunha raza que forma parte do patrimonio natural e etnográfico galego.

Ao respecto, a responsable autonómica tomou nota das súas demandas e animou á entidade a seguir traballando na defensa e posta en valor do can de palleiro, comprometendo o apoio da Xunta ante o Ministerio para facilitar este labor.

Axudas para a compra de cans coidadores

Ademais, Marisol Díaz incidiu no importante papel que desempeñan en Galicia os cans de palleiro no eido da prevención dos ataques da fauna silvestre e da defensa do gando, dun modo equiparable e tan efectivo, dixo, como outras razas de pastores máis coñecidas, como os mastíns.

De feito, desde o ano 2019 as sucesivas ordes de axudas para a adquisición de cans protectores e defensores do gando convocadas polo Goberno galego incluíron expresamente entre as razas subvencionables o can de palleiro, ademais do mastín español e do mastín do Pirineo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2024