Belén do Campo anima a solicitar as axudas para mercar bicicletas eléctricas e de pedaleo asistido que xa contan con máis de 500 beneficiarios na comarca da Coruña

O apoio supón un desconto do 50 % e un máximo de 500 € na adquisición dunha bicicleta eléctrica, que se eleva ata o 60 % e os 600 € no caso de familias numerosas e ao 70 % e de 700 € nas familias numerosas de categoría especial

As persoas con mobilidade reducida tamén teñen unha redución do 70 % cunha achega máxima de 700 € na compra dunha bicicleta de man híbrida ou eléctrica para cadeira de rodas

Oleiros  (A Coruña), 20 de maio de 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, fixo hoxe balance da convocatoria de axudas da Xunta para mercar bicicletas eléctricas e de pedaleo asistido no marco do programa EBici. Desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes, o 1 de agosto de 2022 ata comezos deste mes de maio, recibíronse case 4.800 peticións, das cales máis de 500 corresponden aos concellos da comarca da Coruña, concretamente 263 á cidade e o resto a negocios de Oleiros (72), Culleredo (56), Arteixo (33), Cambre (28), Miño (18), Bergondo (16), Sada (14), Carral (9), Abegondo (7), Betanzos (6), Coirós (6), Oza-Cesuras (3), Vilarmaior (2) e Vilasantar, Curtis, Mesía e Paderne (1).

Así o explicou na visita á tenda La Fuga Cycling de Oleiros, unha das entidades adheridas ao programa. Belén do Campo lembrou que o prazo para solicitar estes descontos nos 168 establecementos adheridos remata o 15 de novembro deste ano, agás que se esgoten antes os fondos totais de 2,7 millóns de euros.

Ata agora publicáronse ordes destas axudas en xullo de 2022, cun aumento de crédito en setembro dese mesmo ano e unha nova convocatoria en maio do ano pasado. Deste xeito, o orzamento inicial de 500.000 euros en 2022 incrementouse a 1 millón de euros nese mesmo exercicio, outro millón de euros o ano pasado e 700.000 euros neste 2024, o que supón un investimento total de 2,7 millóns de euros.

Esta convocatoria bianual de axudas do programa Ebici consiste nunha rebaixa de ata o 50 % do custo da bicicleta eléctrica, cun máximo de 500 euros con carácter xeral. No caso de familias numerosas, o desconto aumenta ata un 60 %, cun máximo de 600 euros; ou ata un 70 % e cun máximo de 700 euros nas familias numerosas de categoría especial. Ademais, as persoas con mobilidade reducida tamén poden acceder a un desconto de ata o 70 % do custo da bicicleta de man híbrida ou eléctrica para cadeira de rodas, cunha achega de ata 700 euros.

Das peticións recibidas ata agora en Galicia, máis do 90 % corresponden a persoas físicas maiores de idade -máis de 4.300-, máis de 300 proceden de persoas integrantes de familias numerosas e case un cento de familias numerosas de categoría especial.

As solicitudes poden tramitarse a través dos comercios adheridos que figuran na listaxe da páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade https://ebici.xunta.gal.

Tal e como explicou Belén do Campo, o Programa EBici da Xunta busca fomentar a adquisición de bicicletas eléctricas e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas ao tempo que procura reducir a contaminación tanto ambiental como acústica e mellorar a saúde do conxunto da poboación. Esta iniciativa favorece polo tanto a mobilidade sostible e, ao mesmo tempo, contribúe a dinamizar o comercio local, estimulando así a economía dos pequenos establecementos, preservando a identidade cultural e o patrimonio da comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2024