A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou hoxe o centro ‘O Noso Fogar’ de Frades

A Xunta publicará o xoves 23 de maio a orde para a creación de 20 novas casas do maior no rural galego

Permitirá a posta en marcha de 100 prazas de atención diúrna a persoas maiores en concellos de menor tamaño

Coas novas casas, ascenderá a 143 os centros desta tipoloxía en funcionamento na nosa Comunidade

Esta convocatoria presenta como novidade o establecemento dunha axuda complementaria de 150 euros semanais por maternidade ou paternidade

Frades (A Coruña), 19 de maio de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá en Frades a casa do maior O Noso Fogar. Alí anunciou que o Goberno galego publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) o xoves 23 de maio unha nova orde de convocatoria para a creación de 20 novas casas do maior no rural galego.

A Xunta destinará 1,3 millóns de euros para a posta en marcha de novos equipamentos que permitirán que un centenar de maiores poidan ter acceso a unha atención personalizada na súa contorna. Con esta convocatoria, a rede de casas do maior chegará este ano ás 143. O Goberno galego leva investidos neste servizo 22,4 millóns de euros desde que se implantou no ano 2018.

Fabiola García, acompañada do alcalde de Frades, Roberto Rey, coñeceu as instalacións postas en marcha pola promotora do centro, Susana Rodríguez, que se beneficiou das axudas da Administración autonómica en 2021 e que conta con cinco prazas.

A nova convocatoria presenta como novidade o establecemento dunha axuda complementaria de 150 euros semanais durante o período que dure a baixa de maternidade ou paternidade da persoa encargada do servizo. Lembrar que, ademais da axuda para o funcionamento dos centros, estas ordes financian as obras de adecuación da casa do maior con ata un máximo de 15.000 euros para cada unha.

Casas niño

Esta mesma semana, a Xunta de Galicia tamén publicou a orde para a creación de oito novas casas niño. A esta convocatoria destina 806.000 euros e permite a posta en funcionamento de 40 prazas 100 % gratuítas para nenos e nenas de 0 a 3 anos que viven en núcleos de poboación sen escola infantil.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2024