O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou esta mañá na XVII edición do evento

A Xunta pon en valor a aposta do festival “Latexos do Rural” de Riós pola cultura e pola dinamización económica da súa contorna

José González mostrou o seu apoio aos negocios que conforman as economías locais a través de ferramentas como a Rede de polos de emprendemento, con catro centros activos na provincia de Ourense, un deles en Verín

Aludiu a accións da súa Consellería como a aposta polo retorno dos galegos emigrados para fixar poboación ao tempo que se cobren vacantes laborais, ou pola artesanía como vertebradora do territorio á vez que se conservan as tradicións

Riós (Ourense), 19 de maio de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá en Riós na XVII edición do festival Latexos do Rural, onde puxo en valor a aposta desta cita pola cultura e pola dinamización económica da súa contorna.

Nese senso, reafirmou o seu compromiso cos negocios que fundamentan as economías locais e co consumo dos produtos da nosa terra, como os que hoxe cede para degustar a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural. Salientou que a Xunta sempre estará ao carón das persoas traballadoras autónomas, das praceiras e praceiros, e dos produtores, e recordou que o tecido produtivo galego está representado en máis dun 90 % por pequenas e medianas empresas.

Nesa liña de apoio á empresa e ao emprego, recordou a Rede de polos de emprendemento, con 13 centros activos dos que catro están na provincia de Ourense, un deles en Verín. En total, en toda Galicia, levan atendido arredor de 1.800 iniciativas. E o Plan Remuda habilitado ao abeiro desa Rede ao que sumaron un cento de proxectos para garantir a súa continuidade no seo da nosa economía.

Considerando crucial mirar ao futuro pero respectando as tradicións, González referiuse á aposta desde a Consellería polo mantemento da artesanía galega, como vertebradora do territorio. Tamén a accións como o Plan Retorna Cualifica Emprego, que busca propiciar que os galegos retornados e os seus descendentes poidan volver con postos de traballo estables e de calidade que axuden a fixar poboación ao tempo que se cobren parte das vacantes laborais existentes.

O conselleiro celebrou que o festival teña como emprazamento o polígono agroforestal de Pousada, englobado na aposta prioritaria da Xunta de Galicia, segundo dixo, pola recuperación de terra agraria mediante actividade económica que xere riqueza e emprego, ao tempo que fixa poboación e serve de devasa natural fronte aos incendios forestais.

Precisamente no eido económico destacou a importancia da castaña para Riós, engadindo que se trata dun dos 45 municipios priorizados polo Goberno galego para recuperar os seus soutos tradicionais. Nesa liña, fixo alusión á Ruta do Talento formada por castiñeiros centenarios da localidade que apadriñan a distintas persoas da cultura galega e entre os que hoxe se descubre unha nova placa na honra da muller creativa do rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2024