Galicia crea unha comisión mixta cos letrados da Administración de Xustiza

O Boletín Oficial do Estado publicou onte o convenio entre a Xunta e o Ministerio de Xustiza para a posta en marcha do novo órgano de comunicación, coordinación e colaboración

O obxectivo é garantir a mellor xestión dos medios persoais e materiais

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2024

Galicia contará cunha comisión mixta cos letrados da Administración de Xustiza, segundo se recolle no convenio entre a Xunta e o Ministerio de Xustiza publicado onte no Boletín Oficial do Estado. Coa posta en marcha deste órgano de comunicación, coordinación e colaboración, o Goberno galego busca garantir a mellor xestión dos medios persoais e materiais no eido da xustiza.

Deste xeito, a nova comisión mixta terá entre as súas funcións coñecer a planificación e actuacións do persoal ao servizo da administración de Xustiza que garden relación co exercicio dos letrados, así como as aplicacións e tecnoloxías que se implanten nos órganos e servizos nos que desenvolvan o seu labor. Tamén abordará cuestións formativas, de dotación de recursos materiais e de impulso á Nova Oficina Xudicial mediante servizos comúns procesuais e unidades procesuais de apoio directo.

A presidencia do órgano será compartida polo titular da Consellería competente na materia e polo secretario de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Estará integrado polo director xeral de Xustiza e o persoal autonómico preciso para manter a paridade, e, por parte dos letrados, polos secretarios coordinadores provinciais e dous letrados designados polo secretario de Goberno. O acordo, que ten unha vixencia de catro anos, prevé xuntanzas ordinarias semestrais.

A creación da comisión mixta cos letrados da Administración de Xustiza enmárcase na aposta da Xunta por potenciar o diálogo e a cooperación no eido da xustiza, tanto co Estado como cos distintos profesionais. Nesta liña trabállase xa a través da comisión mixta de Xustiza co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e da comisión mixta da Fiscalía.

Materialízase así a vontade expresada polo Goberno galego e representantes dos letrados nunha xuntanza celebrada a comezos de 2023, na que acordaran a creación dun grupo de traballo mixto e completo para abordar o funcionamento, estrutura e persoal ao servizo da Administración de Xustiza, ademais dos cambios normativos que impliquen modificacións nas oficinas xudiciais, cuestións tecnolóxicas e outros asuntos que requiran a unificación de criterios de actuación.    

Data de actualización: 17/05/2024