A conselleira do Medio Rural participou hoxe na inauguración deste evento, destacando que serve para poñer en contacto directo a produtores locais cos consumidores

A Xunta promociona a artesanía alimentaria no mercado Gastrotur do Ulla con apoio a 17 empresas do sector

María José Gómez salientou a ampla gama de produtos presentes neste evento e o programa de actividades previsto, con degustacións, obradoiros de artesanía e xogos para os máis pequenos

Sinalou que esta feira supón un exemplo de colaboración institucional, xa que ademais da Xunta participan nela diferentes concellos, e tamén de cooperación público-privada, mediante a contribución de distintas empresas agroalimentarias e turísticas

Pola súa banda, Turismo de Galicia está presente cun expositor para dar a coñecer os recursos turísticos, gastronómicos e deportivos nas Terras do Ulla e poñer en valor os produtos dos concellos de tres provincias diferentes vertebrados polo río Ulla

A Estrada (Pontevedra), 17 de maio de 2024

Un total de 17 empresas con selo de Artesanía Alimentaria de Galicia participan no mercado Gastrotur do Ulla, que se celebra ao longo desta fin de semana no concello pontevedrés da Estrada. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe na inauguración deste espazo e destacou que permite, por un lado, dar a coñecer a Artesanía Alimentaria e, por outro, poñer en contacto directo aos produtores locais cos consumidores. Así mesmo, salientou que neste “a calidade do produto é a auténtica protagonista”.

Nesta mesma liña, a conselleira puxo en valor a ampla gama de produtos artesanais presentes neste mercado, que van dende os ecolóxicos ata o mel, pasando polos bombóns, o queixo ou os xeados, entre outros. Ademais, tamén salientou o programa de actividades previsto, que inclúe degustacións, obradoiros de artesanía e xogos para os máis pequenos.

Colaboración institucional e público-privada

Sobre Gastrotur do Ulla, a conselleira puxo de relevo que esta feira supón un exemplo de colaboración institucional, xa que ademais da Xunta participan nela diferentes concellos, e tamén de cooperación público-privada, mediante a contribución de distintas empresas do sector agroalimentario e turístico. Así mesmo, valorou as sinerxías que se crean entre a gastronomía, a tradición que representa a Artesanía Alimentaria e o seu efecto turístico e de dinamización xeral do territorio.

Pola súa banda, Turismo de Galicia tamén está presente cun expositor nesta primeira edición da feira para dar a coñecer os recursos turísticos, gastronómicos e deportivos nas Terras do Ulla e poñer en valor os produtos dos concellos de tres provincias diferentes vertebrados polo río Ulla. No stand ofrecerase información sobre a oferta turística galega, dando a coñecer novidades como a nova edición dos Trens Turísticos de Galicia que arranca en xuño ou as que se están a desenvolver nesta temporada como a Primavera de Portas Abertas nas rutas dos viños de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/05/2024