Máis de 2.200 persoas obtiveron praza no programa Vacacións en familia da Xunta de Galicia

A través desta iniciativa ofrécese a familias galegas e doutras comunidades autónomas unha estadía de seis días nas Residencias de tempo libre de Panxón (Nigrán) e O Carballiño

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2024

A Xunta de Galicia publicou as listas de admitidos no programa ‘Vacacións en familia’, que se desenvolve nas Residencias de Tempo Libre de Panxón (Nigrán) e O Carballiño. Un total de 2.259 persoas obtiveron praza nesta iniciativa, das cales 1.287 aloxaranse na residencia de Panxón e 972 na de O Carballiño. A relación completa pódese consultar na páxina web da Consellería de Política Social e Igualdade.

O obxectivo deste programa é ofrecer ás familias galegas e doutras comunidades autónomas a posibilidade de desfrutar nestes dous centros de titularidade autonómica dunha estadía de verán de seis días a prezos económicos, nos meses de xullo, agosto ou setembro. Isto supón unha previsión de máis de 12.000 noites de aloxamento.

Esta proposta de vacacións dá acceso prioritario ás familias numerosas, monoparentais e acolledoras, así como a vítimas de violencia de xénero. Todas elas teñen preferencia en todas as quendas ao realizar a solicitude.

Na edición do ano pasado, 2.151 persoas participaron en ‘Vacacións en familia’. Isto supón un incremento do 33% con respecto ás cifras de 2022 e a cifra máis elevada da última década. Polo tanto, o obxectivo para este ano 2024 é que este programa acade un novo récord histórico de beneficiarios.

Data de actualización: 17/05/2024