A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou hoxe o centro de día público autonómico desta localidade

A Xunta destina 30.000 euros en obras de mellora e accesibilidade no centro de día público autonómico de Rois

Permitiu a creación dunha marquesiña para facilitar o acceso ao centro e arranxos no interior para mellorar o confort dos usuarios

Rois (A Coruña), 17 de maio de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá o centro de día público autonómico de Rois, ao que o Goberno galego acaba de destinar 30.000 euros para acometer obras de mellora e accesibilidade. En concreto, estas actuacións permitiron a creación dunha marquesiña que facilite a impermeabilización e o acceso ao centro, así como actuacións no interior do inmoble para mellorar o confort dos usuarios.

Fabiola García, que durante a visita estivo acompañada do alcalde da localidade, Ramón Tojo Lens, lembrou que o Goberno galego aposta por ofrecer servizos que lle permita ás persoas maiores decidir onde e como vivir esta etapa das súas vidas. Neste sentido, lembrou que neste ano a Xunta impulsou o Bono coidado no fogar, unha axuda de 5.000 euros ao ano para aquelas persoas que están sendo atendidas nas súas casas; e tamén incrementou o orzamento ao Servizo de Axuda no Fogar, ata os 130 millóns de euros.

A continuación a conselleira supervisou as obras para a creación do futuro Punto de Atención á Infancia neste concello de Rois. Un novo centro de atención a nenos de 0 a 3 anos ao que o Goberno galego destinará máis de 120.000 euros e que ofrecerá 20 novas prazas de atención. Fabiola García lembrou que este futuro PAI incorporarase a gratuidade das escolas infantís que beneficia na actualidade a máis de 32.000 familias galegas que aforran 3.000 euros ao ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/05/2024