A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou hoxe na entrega de premios da IV Copa de Vigo organizada pola Real Federación Española de Ciclismo

Ángeles Vázquez aposta por conxugar deporte e natureza para dar a coñecer o patrimonio galego

Vigo, 19 de maio de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, subliñou hoxe a importancia de conxugar a práctica deportiva coa natureza, sempre de forma sostible e respectuosa coa contorna, como unha forma efectiva de poñer en valor e dar a coñecer a riqueza do patrimonio natural galego.

Durante a cerimonia de entrega de premios da IV Copa de Vigo, undécima e última etapa da Copa de España Ciclismo elite/sub 23, a responsable autonómica recordou que desde o ano 2022 o Parque Natural Monte Aloia, no concello de Tui, é un dos portos incluídos no percorrido oficial desta proba.

De feito, Ángeles Vázquez foi a encargada de entregar esta tarde ao gañador o Premio especial da Montaña, consistente nun trofeo e nun maillot conmemorativo que precisamente este ano incorpora no seu deseño unha imaxe do Monte Aloia.

Neste sentido, considerou que eventos deportivos como a Copa de España organizada pola Real Federación Española de Ciclismo poden ser perfectamente compatibles cos valores dos espazos naturais nos que se desenvolven as distintas etapas, ao tempo que contribúen a darlles visibilidade pola repercusión a nivel nacional e mesmo internacional que adoitan ter este tipo de acontecementos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2024