A Xunta contrata por case 110.000 € a instalación de paneis solares fotovoltaicos na planta de residuos voluminosos de Cerceda

Os traballos teñen como fin executar as obras necesarias para a colocación, montaxe e posta en servizo destes novos elementos e reducir a factura enerxética actual

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2024

A Xunta acaba de adxudicar por un importe de 108.540,48 euros, IVE incluído, os traballos para a instalación de paneis solares fotovoltaicos na planta de tratamento e xestión de residuos voluminosos localizada no concello coruñés de Cerceda.

Cun prazo de execución de dous meses, o contrato ten como obxectivo a realización das obras e traballos destinados á colocación dunha serie de paneis para autoconsumo nesta instalación, adscrita á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

A adxudicataria deberá facerse cargo da montaxe e posta en servizo dunha nova instalación fotovoltaica na planta co fin de que o seu consumo anual enerxético sexa igual ou superior ao 80% da enerxía xerada ao ano por estes paneis.

Ademais, búscase reducir os custos desta instalación —destinada a tratar os voluminosos desde a súa entrada na planta e a xestionar os residuos e as fraccións reciclables que se xeran na mesma— a través dunha rebaixa da factura enerxética actual das instalacións, avanzando cara a unha menor dependencia dos combustibles fósiles.

Neste sentido, cómpre lembrar que esta nova adxudicación —que se financiará con fondos do programa NextGenerationUE a través do Plan de recuperación, transformación e resiliencia— está enmarcada na aposta decidida da Xunta polas enerxías renovables e, dentro delas, pola enerxía solar fotovoltaica.

Data de actualización: 18/05/2024