Unha trintena de profesionais do Parque Nacional das Illas Atlánticas recibe formación para atender emerxencias e evacuacións sanitarias

Este verán os profesionais deste espazo protexido disporán dunha mochila médica, que facilitará unha comunicación directa e permanente con persoal médico en terra

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2024

Unha trintena de profesionais do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia participaron nun curso para adquirir formación no eido das emerxencias e evacuacións sanitarias, organizado pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

No marco da formación en primeiros auxilios sanitarios que periodicamente reciben axentes ambientais, vixiantes, guías, persoal de tripulación e cargos directivos, nesta ocasión impartiuse por primeira vez un curso específico en materia de evacuacións por vía aérea e marítima.

Deste xeito, o persoal do parque nacional adquiriu habilidades para realizar unha correcta prevención, avaliación e xestión de emerxencias e/ou accidentes, así como coñecementos sobre os procedementos de comunicación máis eficaces. Máis polo miúdo, recibiron información sobre primeiros auxilios, soporte vital básico, comunicacións co 112 e o 061, e protocolos de evacuación.

A maiores da formación recibida nestas xornadas, este verán os profesionais deste espazo natural protexido disporán por primeira vez dunha mochila médica, que facilitará unha comunicación directa e permanente con persoal médico en terra.

Ademais, cómpre lembrar que, como todos os anos, no período de máxima afluencia -de xuño a setembro- as illas Cíes e Ons contan cun servizo de atención sanitaria presencial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/05/2024