Expertos en intelixencia artificial de toda España reúnense en Santiago para abordar os desafíos educativos dos vindeiros anos

A Xunta de Galicia e a Organización de Estados Iberoamericanos (OEI) organizan un seminario dirixido profesores de Secundaria de todas as especialidades

O encontro, que contará con mesas redondas e conferencias, celebrarase o martes na Escola Galega de Administración Pública (EGAP)

Entre os participantes atópase unha ampla representación galega, debido ao alto nivel da Comunidade nesta materia

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2024

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) será o epicentro o próximo martes, 21 de maio, do seminario Transformación dixital e intelixencia artificial na educación, organizado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Organización de Estados Iberoamericanos para a educación, a ciencia e a cultura (OEI). Dirixido principalmente a profesores de secundaria de todas as especialidades, este encontro abordará os desafíos educativos aos que se enfrontan docentes e alumnado na actualidade.

O seminario, que contará con mesas de diálogo e exposicións, ten como obxectivo servir como plataforma para poñer sobre a mesa estratexias e modelos educativos innovadores que promovan a redución da fenda de aprendizaxe e a fenda dixital. A cita prolongarase toda a mañá, comezando ás 09,30 horas coa benvida institucional e a presentación da xornada a cargo do xornalista Daniel Sousa.

Coa participación de 14 expertos en investigacións sobre intelixencia artificial e a transformación dixital, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e a OEI buscan crear diálogos entre diferentes perfís investigadores e docentes de toda España con experiencia iberoamericana para adquirir novas ideas de aplicación nas respectivas comunidades autónomas. Entre eles, destaca a ampla participación de galegos nesta xornada, debido ao gran potencial que existe na Comunidade nesta materia.

O compromiso do Goberno galego nesta materia tradúcese en numerosos proxectos educativos enfocados a asentar a tecnoloxía nas aulas e ser pioneiros en toda España. Entre as iniciativas máis destacadas atópanse EdugalIA, co que se busca incorporar a intelixencia artificial á xestión educativa e a que posiciona a Galicia como a primeira comunidade en integrar esta tecnoloxía na ensinanza, e os Polos Creativos, un elemento clave para a transformación dixital nos centros e cos que se traballan diferentes competencias entre o alumando.

Programa e participantes

Os asistentes somerxeranse de cheo na xornada coa primeira mesa de diálogo ás 09,45 horas baixo o título Unha IA para todos ou todos para unha sola IA? IA, inclusión e o papel da tecnoloxía no aprendizaxe. A profesora de deseño dixital da Universidade Alfonso X, Clara Cordero; a investigadora do CiTIUS e profesora da Universidade de Santiago, Eva Cernadas; a coordinadora educativa en Escuela 21, Vanessa Lusa, e a enxeñeira Superior de Telecomunicacións, Beatriz Arias, tratarán de achegar a realidade desta disciplina ao ámbito da educación.

Xa ás 11,30 horas será a quenda da mesa de diálogo Non todo é IA: como saber se unha tecnoloxía serve na miña clase coa participación da responsable da liña de matemáticas e computación en EduCaixa, Marta García; do coordinador do máster de Liderado e Innovación Educativa da Universidade Ramón Llull, Miguel Ángel Prats; do catedrático e investigador en IA na Universidade da Coruña, Francisco Bellas; do investigador do Innovation Hub, Juan Freire, e do investigador do CiTIUS, Alejandro Catalá.

Tras esta cita, ás 12,45 horas, o catedrático da Universidade de Santiago na área de Ciencia da Computación e IA no CiTIUS, Alberto José Bugarín, exporá ante o público as ideas da súa conferencia De que falamos cando falamos de intelixencia artificial Responsable?. O seminario rematará coa mesa de diálogo Que significa ser docente na era da IA? da man do profesor da Universitat Politècnica de Catalunya, Toni Hernández; o profesor da Universidade Alfonso X, Vicent Gadea, e os docentes en intelixencia artificial, Josefa Paulos e Óscar Manuel Rey.

Unha segunda parte online

Este seminario educativo terá o seu colofón final o martes, 28 de maio, en horario de 16,00 a 19,00 horas de maneira online coa conferencia IA e ferramentas dixitais para ambientes innovadores de aprendizaxe impartido polo docente de matemáticas Álvaro Molina. Os asistentes poderán coñecer claves sobre o aprendizaxe automático na aula, metodoloxías activas, consideracións éticas e avaliacións con intelixencia artificial.

Data de actualización: 18/05/2024