A conselleira Martínez Allegue avanza ao alcalde da Guarda a adxudicación da redacción do proxecto para habilitar a senda ao redor do Monte Santa Tegra

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, vén de manter un encontro o pasado martes 14 co alcalde da Guarda, Roberto Carrero, no que lle trasladou o compromiso da Xunta para a habilitación da futura senda ao redor do Monte Santa Tegra.

Na reunión, Martínez Allegue avanzoulle ao rexedor a adxudicación da redacción do proxecto deste itinerario, que discorrerá ao redor do Monte Santa Tegra aproveitando a traza da PO-352 A Guarda-Camposancos, nun treito de aproximadamente cinco quilómetros e permitirá unir os tramos de beirarrúa existentes.

O orzamento para a redacción do proxecto ascende a 18.125 € e a previsión é que estea entregado para supervisar en outono deste 2024. As obras financiaranse con fondos FEDER 2021/2027 para a execución de sendas peonís e ciclistas. 

A conselleira puxo en valor esta ambiciosa actuación que, ademais de poñer á disposición da veciñanza unha nova infraestrutura sostible, constituirá un novo atractivo turístico para o concello, “xa que permitirá completar un percorrido circular arredor deste monte”. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/05/2024