A Xunta reforza a súa colaboración cos representantes do sector forestal galego
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse hoxe con responsables da Federación empresarial de serradoiros e rematantes de madeiras de Galicia, Fearmaga, e da Organización galega de comunidades de montes veciñais en man común
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2024
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse hoxe con responsables da Federación empresarial de serradoiros e rematantes de madeiras de Galicia, Fearmaga, e da Organización galega de comunidades de montes veciñais en man común, co fin de reforzar a colaboración entre Administración e entidades.
Estas xuntanzas forman parte da rolda de contactos da titular de Medio Rural con representantes do sector forestal, para coñecer as súas necesidades e demandas en relación con este eido produtivo clave na nosa comunidade.
Con respecto a Fearmaga, no encontro tratáronse, entre outros, asuntos de interese para o sector sobre a comercialización da madeira e a situación actual e perspectivas de evolución futura do mercado, tanto no ámbito galego como nacional e internacional.
Coa Organización galega de comunidades de montes veciñais en man común abordouse o reforzo da colaboración para a posta en valor destes terreos forestais, así como para escoitar as súas achegas no proceso de revisión da lei galega de montes veciñais en man común.