Medio Rural pon en valor e reafirma o seu apoio aos certames de gando selecto na presentación de Feiradeza 2024 en Lalín

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, destacou neste acto a importancia de citas como esta de Lalín no fomento e promoción do gando bovino selecto na nosa comunidade 

Salientou ademais o seu papel de incentivo para a recría de animais selectos en Galicia e lembrou que a Xunta convoca anualmente axudas destinadas á realización destes certames gandeiros, que no 2023 estiveron dotadas con 200.000 euros

 

Lalín (Pontevedra), 16 de maio de 2024

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou este mediodía na presentación de Feiradeza 2024, que terá lugar na localidade pontevedresa de Lalín os vindeiros días 7, 8 e 9 de xuño. Neste acto, o director xeral destacou a importancia deste tipo de certames como instrumentos de fomento e promoción do gando selecto.

Así mesmo, salientou que estas actividades constitúen un incentivo para a recría de animais selectos en Galicia, facilitando o seu coñecemento para o resto das ganderías, ademais de posibilitar a súa comercialización e representar un estímulo para a mellora gandeira.

Nesta liña, José Balseiros lembrou que a Xunta convoca anualmente axudas destinadas á realización de certames de gando bovino selecto, das que se poden beneficiar os concellos galegos que organicen este tipo de eventos. A última convocatoria destas achegas, correspondente a 2023, estivo dotada con 200.000 euros.

O programa de Feiradeza 2024 inclúe diferentes concursos, como o de xoves preparadores de gando, de manexo de tractores ou de vacas de leite e campionatos, así como unha poxa de gando frisón. Na presentación deste evento, ademais do director xeral, participaron diversos representantes municipais do Concello lalinense e da Deputación de Pontevedra.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/05/2024