O xerente do Sergas, José Ramón Parada, interveu na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia

A nova UCI do hospital de Ourense mellora a seguridade clínica, o seguimento e humanización dos pacientes e o traballo dos profesionais

O xerente recalca o esforzo continuo da Consellería de Sanidade para captar profesionais, tanto para o servizo de urxencias como para os de oftalmoloxía e rehabilitación

Sinala que xa comezaron os primeiros contactos cos responsables clínicos e coas sociedades científicas e organizacións sindicais para abordar solucións ás necesidades de persoal

O seu departamento está xa a avaliar as melloras precisas na área cun novo equipo na Xerencia “que vai traballar sen descanso”, asegura

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2024

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada Jorgal, remarcou hoxe que a nova UCI do Hospital Universitario de Ourense mellora a seguridade clínica, a monitorización, individualización, humanización e luminosidade, entre outros aspectos, ademais de repercutir positivamente nas cargas de traballo dos profesionais e no seu propio benestar.

Así o asegurou na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia, onde incidiu en que o proceso de apertura e posta en marcha contou coa participación dos profesionais da UCI, como así se seguirá a traballar de cara á posta en marcha da segunda fase da unidade, “a partir do verán”, dixo.

No que atinxe ás contratacións, José Ramón Parada, dixo que o seu departamento está a traballar, ofertando para esta área sanitaria determinados postos de difícil cobertura para atraer profesionais. Ademais, a Consellería de Sanidade vai elaborar un Plan de recursos humanos que permita analizar as necesidades para poder planificar, recollendo este tipo de situacións e peculiaridades, tendo en conta a situación xeral de falta de profesionais nalgunhas especialidades.

Xunto ao anterior, o xerente recalcou o esforzo continuo do equipo directivo da área en captar profesionais, tanto para o servizo de urxencias como para os de oftalmoloxía e rehabilitación.

Sinalou, ademais, que xa comezaron os primeiros contactos, tanto cos responsables clínicos como coas sociedades científicas e organizacións sindicais, para buscar solucións ás necesidades de persoal e esa será, dixo, “unha das nosas liñas prioritarias de traballo”.

Para facer propostas máis atractivas, José Ramón Parada incidiu en que a Xunta puxo en marcha a normativa con medidas para cubrir as prazas de difícil cobertura, que beneficiou especialmente á área de Ourense e que permitiu ofertar 106 prazas de facultativo especialista de atención primaria no 2022 e 72 no pasado ano.

Para rematar a súa intervención, o responsable do Sergas sinalou que o seu departamento xa está a encarar as melloras precisas para esta área sanitaria, cun novo equipo na Xerencia “que vai traballar sen descanso pola área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras”, asegurou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/05/2024