Villares pon en valor a excelencia e a calidade do produto que sae das lonxas galegas nas xornadas de xarda de Ribadeo

Ribadeo, 17 de maio de 2024 O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, pon en valor a excelencia e a calidade do produto que sae das lonxas galegas nas Xornadas de Xarda de Ribadeo. Villares felicitou ao Concello e a Acisa por esta iniciativa que ten por obxectivo contribuír á promoción do consumo do peixe como parte dunha dieta saudable e equilibrada.

O conselleiro indicou que esta e outras iniciativas coas que colabora a Xunta teñen como finalidade aumentar o consumo destes alimentos en apoio á cadea mar-industria, estratéxica para a economía galega, da que dependen 50.000 empregos e que representa o 5% do PIB da comunidade. Por ese motivo fixo un chamamento aos fogares e establecementos hostaleiros para que consuman produto galego e difundan todas as súas bondades e a extraordinaria calidade de produtos como o que, neste caso, saen do Cantábrico.

En total, 21 establecemento hostaleiros ofrecen ao público dende hoxe ata o día 19 este peixe, elaborado de distintas maneiras, e que foi cedido pola OPP-7 do porto de Burela.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 17/05/2024