O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, interveu esta mañá na Comisión 5ª do Parlamento para dar conta da planificación asistencial no verán nos centros sanitarios de Vigo

A demora media para unha cita presencial co médico de atención primaria en Vigo é de 5,7 días fronte aos 9 de media no resto de España

O xerente do Sergas concreta que sempre se planifica a adecuación dos recursos tendo en conta a demanda asistencial, a estacionalidade e a morbilidade de determinadas patoloxías

Explica que a dirección de atención primaria da área de Vigo está en contacto cos profesionais dos centros de saúde para planificar e solucionar eventuais incidencias durante o verán

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2024

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada Jorgal, sinalou hoxe que a demora media para unha cita presencial co médico de familia en atención primaria en Vigo é de 5,7 días, fronte aos 9 días de media no resto de España.

En resposta esta mañá a unha pregunta na Comisión 5ª do Parlamento, o xerente do Sergas concretou que, no que atinxe á área sanitaria de Vigo, o 35% dos pacientes foron atendidos polo seu médico de familia en menos de dous días e o 59 % en menos de catro.

Respecto da atención pediátrica, sinalou que a demora media na área de Vigo para realizar unha consulta a pacientes desta idade é de dous días.

José Ramón Parada tamén se referiu á situación do Punto de Atención Continuada (PAC) da cidade olívica, onde se aumentou a dotación cun médico de xeito permanente.

O xerente do Sergas deu conta das previsións para a planificación asistencial do período estival nos centros sanitarios de Vigo, remarcando que a chegada do verán obriga á adecuación dos recursos ás necesidades asistenciais e á adopción de medidas de xestión que garanten a eficiencia e a correcta utilización dos servizos e fondos públicos. Como todos os anos, incidiu, “isto faise garantindo sempre a calidade e a seguridade na asistencia sanitaria aos usuarios”.

Explicou ao respecto que o Sergas planifica a adecuación dos recursos asistenciais tendo en conta a demanda asistencial, a estacionalidade e a morbilidade de determinadas patoloxías. Grazas a esta planificación estival, que se fai en todos os servizos de saúde, mantéñense operativos os recursos adaptados ás necesidades reais, incidiu.

Tamén se referiu á necesidade e ao dereito ás vacacións e ao descanso que teñen todos os traballadores e traballadoras do Sergas, coa dificultade engadida que representa atopar profesionais durante o verán para realizar substitucións, ante a falta de médicos de determinadas especialidades.

Ademais, tal e como sinalou José Ramón Parada, a dirección de atención primaria da área de Vigo está en contacto cos profesionais dos centros de saúde para planificar e solucionar eventuais incidencias durante o verán.

Deste xeito, como medida de reforzo operativa fronte á posibilidade de que ocorran situacións excepcionais ou imprevisibles, estanse a adoptar plans que permitan adoptar de xeito áxil as medidas necesarias destinadas á adecuación dos recursos asistenciais na área sanitaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/05/2024