O presidente da Xunta mantivo hoxe un encontro co ministro de Transportes e Mobilidade Sostible

Rueda aplaude que os trens Avril cheguen a Galicia e pide ao Goberno central que se aumenten as prazas dispoñibles e que se reduza o prezo dos billetes

Recorda que as liñas que unen Galicia con Madrid son as que máis medran de España

Solicita que se teñan en conta as achegas de Galicia no Plan director do Corredor Atlántico do Noroeste

A Coruña, 16 de maio de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aplaudiu hoxe que os trens Avril comecen a funcionar en Galicia o próximo martes, ao tempo que trasladou ao Goberno central a petición de que aumenten as prazas dispoñibles cada día e que se reduza o prezo dos billetes.

Así o sinalou hoxe tras participar nunha viaxe de proba dun destes trens de rodadura desprazable ata A Coruña, no que estivo acompañado polo ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey. Tamén participaron o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.

O titular do Executivo Galego celebrou a chegada dos trens Avril despois de anos esperando: “Prazas suficientes para todo o mundo, prezos asumibles e unha perspectiva de poder seguir crecendo. Pedíamos isto, se nos ofreceu, e se se cumpre, celebrarémolo”, manifestou Rueda. Sen embargo, lamentou que o número e frecuencias non son suficientes para atender á demanda, especialmente tendo en conta que as liñas que unen Galicia con Madrid e viceversa son as que máis medran de España (un 72% máis en 2022, segundo os últimos datos dispoñibles).

Polo tanto, pediu aumentar o número de prazas dispoñibles cada día e solicitou que se reduza o prezo dos billetes con carácter definitivo, e non só promocional; ou ben que se implanten canto antes os servizos low-cost nestas liñas. Lembrou, ademais, que estas peticións xa foron compromisos previamente feitos: “Compromiso que non fai senón responder a peticións que creo que son moi lóxicas”, indicou o presidente.

Plan director do Corredor Atlántico

O presidente da Xunta, e o resto de representantes institucionais, tamén participaron hoxe na presentación do Plan director do Corredor Atlántico do Noroeste, unha infraestrutura que Galicia considera fundamental para a súa competitividade: “Se podemos mover as mercadorías a través dos portos cunhas boas infraestruturas terrestres, e ademais podémonos mover as persoas, ese é o camiño que nos vai a poder permitir aproveitar moitísimas vantaxes”, remarcou.

Tras coñecer o plan elaborado polo Ministerio, Rueda pediu que se teñan en conta as achegas de Galicia para enriquecelo e completalo. Neste sentido, os estudos previamente realizados por Galicia, Asturias e Castela e León cifraban o investimento necesario neste Corredor nos 8.000 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/05/2024