A Xunta destaca o Plan de Transporte Público de Galicia como garante de sostibilidade, accesibilidade e cobertura territorial do servizo

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento para abordar os avances producidos no marco deste instrumento de planificación e seguimento

A iniciativa reflicte o compromiso do Goberno galego coa mellora continua, a dotación de recursos e a bonificación das tarifas

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2024

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, abordou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia as melloras rexistradas no marco do Plan de Transporte Público de Galicia, impulsado pola Xunta como instrumento de planificación e seguimento. Nesta liña, salientou a completa renovación e modernización do transporte público xestionado polo Goberno galego, así como o incremento dos recursos e a ampliación das zonas atendidas.

A directora xeral sinalou que a Xunta levou o autobús regular a zonas onde non o había, “cun uso eficiente dos recursos, grazas tamén as modalidades de transporte integrado e baixo demanda”. Entre os logros conseguidos, referiuse ademais á duplicación do número de paradas, de xeito que o 91% da poboación ten unha a menos de 500 metros da casa, á renovación da flota, cunha idade media de 5,7 anos fronte aos 11 de media estatal, á sostibilidade dos vehículos, co 92% da flota ECO ou Euro VI, e á accesibilidade, xa que o 55% da flota ten prazas para persoas con mobilidade reducida.

A maiores, Judit Fontela destacou o compromiso do Goberno galego con mellores tarifas para os usuarios, coa creación da Área de Transporte de Galicia. A medida supuxo integrar os diferentes sistemas de transporte baixo un sistema tarifario único e bonificado.

Canto aos mecanismos de seguimento, referiuse ao Sistema de Axuda á Explotación (SAE) que emprega a Xunta para dar resposta precisa ás necesidades e demandas das persoas usuarias, e que fai que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible sitúe Galicia como exemplo do seu uso a nivel estatal.

Neste eido estanse a impulsar novas funcionalidades e xa está en probas o sistema de información en tempo real dos servizos de tres concesións de autobús, “ao que se pode acceder a través da marquesiña virtual da web www.bus.gal, ou a aplicación de transporte público de Galicia”, engadiu.

No marco da aposta pola mellora continua, a directora xeral destacou tamén a Estratexia Galega de Mobilidade, aprobada recentemente e que conta con obxectivos e un plan de acción para conseguilos. O documento contén un cento de medidas que implican o conxunto das administracións para garantir uns desprazamentos máis sostibles, seguros e adaptados ás necesidades futuras da cidadanía co apoio da innovación tecnolóxica, cun investimento de case 420 millóns de euros.

Data de actualización: 16/05/2024