A Xunta recibe 12 ofertas para executar dúas obras de drenaxe transversal nas estradas PO-542 e PO-313 en Pontevedra e Marín, cun investimento de máis de 293.000 €

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé iniciar no verán estas actuacións que contan cun prazo de execución de 4 meses

Trátase de actuar na PO-542, á altura do quilómetro 0+850, en Pontevedra; e na PO-313, á altura do punto quilométrico, 5+900, no treito Pardavila-Broullón, en Marín

Esta actuación realízase no marco das inspeccións preventivas que leva a cabo a Xunta nas obras de paso da rede autonómica co obxectivo de reforzar estas infraestruturas

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de recibir 12 ofertas para executar dúas obras de drenaxe transversal nas estradas PO-542 e PO-313, nos concellos de Pontevedra e de Marín, cun investimento de 293.311 euros.

A Xunta prevé iniciar no verán estas actuacións que contan cun prazo de execución de 4 meses.

Trátase de intervir no treito da PO-542 Ponte Bora-O Pino, á altura do quilómetro 0+850, no municipio de Pontevedra; e na PO-313, á altura do punto quilométrico, 5+900, no treito Pardavila-Broullón, no concello de Marín.

En concreto, as actuacións que se realizarán na PO-542 baixo este contrato inclúen a limpeza e saneo da obra de drenaxe transversal existente, eliminando desprendementos e asegurando a súa estabilidade mediante reforzos, se fose necesario.

Posteriormente, execútase o reforzo interior de formigón na base da obra de drenaxe ata polo menos a metade da altura da obra de drenaxe transversal, a cal presenta danos derivados da corrosión na parte metálica lateral anexa a dita protección. Finalmente, executaranse aletas de formigón armado para as embocaduras en ambos os extremos da tubaxe.

No caso das actuación que se proxecta desenvolver na PO-313, estas comezarán pola limpeza e saneo da obra de drenaxe transversal existente, eliminando desprendementos de material derivados da corrosión. Estes traballos céntranse, fundamentalmente, na metade inferior do tubo, asegurando a súa estabilidade mediante a realización de reforzos, se fose necesario.

Tamén se procederá á reparación do tubo da obra de drenaxe transversal mediante encamisado interior e posterior recheo do espazo entre os tubos con inxección de formigón.

Data de actualización: 16/05/2024