A Xunta reitera a urxencia dunha folla de ruta concreta por parte do Goberno central para desenvolver a alta velocidade entre Vigo Porto

Ante o anuncio do Goberno portugués sobre a chegada do AVE de Madrid a Lisboa en 2034, o Executivo galego agarda que na presentación de mañá do Plan Director do Corredor Atlántico, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible anuncie prazos e orzamento para a conexión con Portugal en territorio español, incluíndo a saída sur de Vigo 

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2024

A Xunta úrxelle ao Goberno central unha folla de ruta concreta para desenvolver a alta velocidade entre Vigo e Porto. Deste xeito, o Goberno galego solicita un cronograma claro de actuacións e un programa de investimentos que permita axilizar a saída sur de Vigo e executar a conexión ferroviaria da terminal de Bouzas, esencial para o futuro do porto de Vigo. Por iso, agarda que na presentación de mañá do Plan Director do Corredor Atlántico, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible anuncie prazos e partidas con detalle para a saída sur de Vigo e do resto dos tramos desta conexión en territorio español. 

Para a Xunta, precisamente a falta de planificación do Executivo estatal para impulsar a alta velocidade entre Galicia e Portugal fixo que a Unión Europea non incluíse a conexión entre Galicia e Porto dentro da rede básica con obxectivo 2030, senón na rede básica ampliada retrasando o obxectivo ata 2040. Mostra desta actitude é o feito de que o Executivo español renunciase a presentar uns Orzamentos Xerais para este ano, o que supuxo a renuncia tamén ao impulso da conexión en AVE con Portugal, prorrogando unha partida de 30.000 euros para a saída sur.  

Ante o anuncio hoxe por parte do Goberno portugués da chegada ao AVE entre Madrid e Lisboa en 2034 cunha duración do traxecto entre ambas cidades de tres horas, a Xunta lembra que a conexión entre Vigo e Porto está planificada desde hai décadas como unha nova liña de 25 quilómetros en territorio español dividida en dous tramos: a saída sur de Vigo da estación de Urzáiz ao Porriño e un segundo tramo de O Porriño á fronteira portuguesa; ao que haberá que engadir unha nova ponte internacional.

Por iso, a Xunta insta ao Executivo estatal que deseñe unha planificación completa de obras e investimentos e avance no seu desenvolvemento tanto para a saída sur de Vigo como da conexión con Portugal en paralelo ao Goberno portugués. Para o Executivo galego, trátase dunha infraestrutura fundamental e estratéxica para a competitividade de Vigo, de Galicia e para fortalecer a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. 

Cómpre lembrar que a Administración autonómica ten reclamado en reiteradas ocasións, incluso aportando estudos propios, a creación dunha mesa técnica de coordinación entre o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e a Xunta para facilitar información regular e precisa sobre a planificación, tempos e incidencias nestas e outras obras en infraestruturas e servizos ferroviarios.

Data de actualización: 15/05/2024