O conselleiro de Sanidade, acompañado pola delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, e polo xerente do Sergas, José Ramón Parada, presidiu a presentación de Fernanda López Crecente como nova xerente

Gómez Caamaño convida á nova xerente da área sanitaria de Ferrol a traballar a prol dunha sanidade pública de calidade orientada ao coidado dos pacientes e dos profesionais

Remarca a aposta da Consellería de Sanidade polo diálogo para “falar de todo e con todos”

Incide no reto de adaptar o sistema sanitario ás necesidades dunha poboación envellecida e ás novas xeracións de profesionais sanitarios

Da nova xerente de Ferrol, o conselleiro destacou a súa ampla experiencia e traballo incansable a prol da sanidade pública galega

Ferrol, 15 de maio de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, convidou hoxe á nova xerente da área sanitaria de Ferrol, Fernanda López Crecente, a traballar a prol dunha sanidade pública de calidade orientada ao coidado dos pacientes e dos profesionais sanitarios.

Gómez Caamaño, acompañado pola delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros; polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada; e polo director de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva, presidiu esta mañá no Hospital Universitario de Ferrol a presentación aos profesionais da área da nova xerente, acto ao que tamén asistiu o anterior xerente, Ángel Facio Villanueva.

Na súa intervención, o conselleiro puxo en valor que Galicia ten un sistema de saúde de primeirísimo nivel, “do que debemos estar moi orgullosos”, porén incidiu na necesidade de seguir traballando por protexelo, preservalo e por optimizalo.

Para iso, Gómez Caamaño apostou polo diálogo: “a nosa vontade é falar de todo e con todos”.

Incidiu na necesidade de acadar unha sanidade pública baseada nunha interacción real e eficiente entre a atención primaria e a atención hospitalaria, para que a continuidade asistencial deixe de ser un concepto abstracto nos plans estratéxicos e pase a ser unha realidade que incida positivamente nos pacientes.

Aspiramos -proseguiu Gómez Caamaño-, a unha sanidade pública de calidade orientada “aos resultados en saúde da poboación e que coide aos pacientes e tamén a aqueles que coidan aos doentes”.

Protexer aos profesionais e adaptar o sistema ás necesidades da poboación

Protexer a todos os profesionais do ámbito sanitario e facer que os médicos traballen de médicos, eliminando toda a burocracia que non achega nada é outro dos principais obxectivos sinalados hoxe por Gómez Caamaño.

Especial énfase puxo na necesidade de prestixiar a atención primaria e a figura do médico de familia, “posto que son eles os máximos protectores da saúde da cidadanía”.

Da nova xerente da área sanitaria, o conselleiro destacou a súa ampla experiencia e o traballo incansable ao longo de moitos anos a prol da sanidade pública galega.

Igualmente, salientou a dedicación e o compromiso de Ángel Facio, que agora pasa a dirixir a área sanitaria de Santiago e Barbanza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/05/2024