A Xunta convoca en xuño e xullo os actos expropiatorios para executar as obras de mellora da seguridade viaria da PO-531 en Campañó, no Concello de Pontevedra

Esta actuación suporá un investimento autonómico de preto de 975.000 euros e contribuirá á mellora de seguridade, especialmente para os peóns, no tramo entre a PO-310 e a vía de alta capacidade VG-4.8

O levantamento das actas previas á ocupación terá lugar o 18 de xuño, no Pazo da Cultura de Pontevedra e a formalización, o 23 de xullo, no mesmo lugar

As obras prevén a transformación da intersección en “T” existente na conexión desta vía coa PO-310 nunha glorieta cun diámetro exterior de 30 metros 

Tamén se inclúe a execución de sendas peonís en ambas as marxes da PO-531, entre a nova glorieta e a VG-4.8

Acondicionarase a intersección na marxe esquerda no punto quilométrico 3+450, de acceso ao CEIP Campañó, e habilitaranse nesta contorna dúas zonas de aparcadoiro 

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2024

A Xunta publicou hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra a convocatoria, para os vindeiros meses de xuño e xullo dos actos expropiatorios para executar as obras de mellora de seguridade da estrada autonómica PO-531 ao paso pola parroquia de Campañó, en Pontevedra.

Esta nova intervención da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que suporá un investimento de preto de 975.000 euros, engloba o treito da vía autonómica entre a PO-310 e a vía de alta capacidade VG-4.8 e ten por obxectivo contribuír á mellora de seguridade neste tramo da PO-531, especialmente para os peóns, a través dun conxunto de actuacións que tamén favorezan a mobilidade e a fluidez do tráfico.

Concretamente, o acto para o levantamento das actas previas á ocupación está convocado para o vindeiro día 18 de xuño, das 09:00 ás 14:00 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra.  A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o día 23 de xullo, no mesmo horario e no mesmo lugar.

En concreto, as obras comezarán pola transformación, en glorieta, da intersección en “T” situada no quilómetro 3+200 desta vía, na súa conexión coa estrada PO-310. Acometerase unha rotonda cun diámetro exterior de 30 metros e un diámetro interior de 8, con dous carrís e dúas beiravías.

Prevese a execución de sendas peonís en ambas as marxes da estrada PO-531, entre a nova glorieta e a glorieta da VG-4.8. As sendas terán un ancho mínimo de 2 metros, incluíndo unha zona axardinada de 50 centímetros segundo as zonas.

Entre as actuacións deseñadas, proponse a eliminación dos xiros á esquerda e os carrís centrais de espera entre as dúas glorietas.

Acondicionaranse as paradas de autobús existentes, incluíndo a instalación de refuxios.

Ademais, procederase ao acondicionamento da intersección na marxe esquerda no punto quilométrico 3+450, de acceso ao colexio CEIP Campañó. Tamén se habilitarán neste punto dúas zonas de aparcadoiro, nas proximidades da estrada PO-531.

O departamento que dirixe María Martínez Allegue traballa co obxectivo de que as obras poidan estar executadas no vindeiro ano. A actuación ten un prazo de 8 meses.

Data de actualización: 15/05/2024