A Xunta pon en valor na ‘Feira encontros 45+’ as políticas autonómicas de emprego para incentivar a contratación dos colectivos prioritarios

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na apertura desta iniciativa que promove a Cámara de Comercio da Coruña, co apoio da Administración autonómica

Indicou que o Goberno galego inviste este ano 17,4 millóns para incentivar a contratación de desempregados con máis dificultades para acceder a un traballo

A Coruña, 15 de maio de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na apertura da II Feira de emprego: encontros 45+ na que salientou a importancia de aplicar dun xeito eficaz e eficiente as políticas activas de emprego para seguir mellorando o mercado de traballo e dar máis oportunidades a aqueles colectivos con máis dificultades para acceder a un posto laboral, como son os maiores de 45 anos. 

No evento, que organizou por segundo ano a Cámara de Comercio da Coruña, co apoio da Administración autonómica, Fernández referiuse aos diferentes programas de apoio que ten en activo a Xunta para incentivar a contratación das persoas sen emprego en Galicia. É o caso de Galicia Emprega, co prazo de solicitude aberto ata o vindeiro 30 de setembro. Cos apoios desta actuación autonómica finánciase a contratación de persoas desempregadas na empresa, centros especiais de emprego, entidades sen ánimo de lucro e empresas de inserción. 

Para iso, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración inviste este ano 17,4 millóns de euros para apoiar a contratación indefinida entre a mocidade (contará con 6.000 euros de apoio base), persoas paradas de longa duración (9.000 euros), mulleres (10.000 euros),  emigrantes retornados ou estranxeiros (9.000 euros) e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social (14.000 euros). 

Como novidade nesta edición, redúcese de 55 a 52 anos o acceso ao incentivo deste colectivo, que contarán para a súa contratación cun apoio base de 9.000 euros.

Fernández tamén fixo fincapé na importancia de casar oferta con demanda e apoiar, como o está a facer a Xunta, unha formación para o emprego baseada nos perfís profesionais que están a demandar as empresas galegas. Tamén referiuse á ferramenta Emi, que co uso da intelixencia artificial é un software que está a dotar ao Servizo Público de Emprego dos recursos necesarios para que as empresas poidan localizar o mellor talento ao tempo que as persoas que recorren a el conseguen consolidar a súa traxectoria profesional.

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais puxo en valor a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, unha iniciativa da Xunta coa que se asesorou desde a súa posta en marcha, en xullo de 2022, máis de 1.800 proxectos de diferentes sectores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/05/2024