A Xunta publica a orde para a creación de oito novas casas niño no rural galego

Permitirá a posta en marcha de 40 prazas totalmente gratuítas para nenos de 0 a 3 anos en concellos nos que non existe escola infantil

Nestes momentos, Galicia con 103 casas niño en funcionamento

Esta convocatoria contempla como novidade o establecemento dunha axuda complementaria de 150 euros semanais por maternidade ou paternidade

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde para a creación de oito novas casas niño no rural galego. A Xunta destina 806.200 euros a esta convocatoria que permitirá a posta en funcionamento de 40 prazas 100% gratuítas para nenos de 0 a 3 anos que viven en núcleos de poboación sen escola infantil.

Galicia conta nestes momentos con 103 casas niño en funcionamento, o que demostra a boa acollida destes servizos desde a súa posta en marcha no ano 2016. O Goberno galego fixo unha aposta decidida por dotar os concellos do rural galegos de servizos de conciliación e favorecer que as familias que viven nestes núcleos tamén teñan oportunidades para compatibilizar a súa vida laboral e familiar.

Esta nova convocatoria presenta como novidade o establecemento dunha axuda complementaria de 150 euros semanais durante o período que dure a baixa de maternidade ou paternidade da persoa encargada do servizo. Coma ata o de agora, o Goberno galego ofrece unha axuda anual a persoa promotora deste servizo e, a maiores, un investimento inicial dun máximo de 15.000 euros para a adecuación das instalacións onde se vaia emprazar a casa niño.

Data de actualización: 14/05/2024