A Xunta proxecta a mellora da seguridade da PO-230 ao seu paso por Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade con carrís máis anchos e menos curvas

O director da Axencia Galega de Infraestruturas mantivo unha reunión co delegado territorial e os alcaldes afectados para informalos sobre a primeira versión do proxecto da obra

A actuación suporá, a falta de coñecer o proxecto definitivo, un investimento de máis de dous millóns de euros

O delegado territorial destacou a importancia de manter un dialogo cos alcaldes “porque eles son quen mellor coñecen as características e necesidades de cada zona”

Pontevedra, 14 de maio de 2024

O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, mantivo unha reunión esta mañá co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e cos alcaldes de Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro, Jorge Cubela e Carlos Costa, para informalos e consultalos con respecto ao proxecto para a PO-230.

Trátase dun proxecto que busca mellorar e ensanchar a PO-230 entre o punto quilométrico 2+000 (Praderrei, Campo Lameiro) e o 7+300 (Parada, Campo Lameiro), un percorrido que pasa pola zona de Fentáns, no concello de Cerdedo-Cotobade.

O obxectivo da actuación é mellorar a seguridade viaria desta estrada, aumentando tamén a comodidade e a tranquilidade cos condutores. Este tramo pasará a ter un ancho de preto de sete metros, con carrís de tres metros e unha beiravía de medio metro. Ademais contará cunha cuneta de seguridade transitable nun dos lados. Por outra banda, espérase aproveitar as obras para rectificar varias curvas, co obxectivo de que todas elas pasen a ter un radio mínimo de 50 metros.

Estas medidas detállanse nunha primeira versión do proxecto, redactado pola Xunta e que esta mañá foi comentado cos alcaldes afectados. Neste sentido, os alcaldes aproveitaron para comentar algunhas suxestións e necesidades propias de cada localidade, que serán estudadas polos técnicos responsables.

A falta de coñecer o proxecto definitivo, espérase que o custo desta actuación supere os dous millóns de euros.

O delegado territorial asegurou saír da reunión con “moi boas sensacións” e destacou a “necesidade de manter un dialogo constante cos alcaldes, porque eles son quen mellor coñecen as características e necesidades de cada zona e desta forma podemos maximizar a eficiencia dos traballos e evitar gastos duplicados”.

Tanto Jorge Cubela como Carlos Costa mostráronse satisfeitos co proxecto redactado e ofrecéronse a seguir colaborando en todo o necesario para que os traballos conclúan nas mellores condicións posibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/05/2024