A Xunta destaca a relevancia do emprego dixital no mercado laboral do futuro na presentación do 6º congreso Flúor de márketing de Pontevedra

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou en Pontevedra na presentación do 6º Congreso Flúor de márketing dixital que organiza o Clúster da Comunicación co apoio da Xunta de Galicia

A Administración autonómica está a desenvolver o Plan Galego de formación, con 117 millóns de euros de orzamento, adaptado á transición verde e dixital

O representante autonómico participou tamén esta mañá nun encontro de networking celebrado pola Asociación de Empresarios Pontevedra, onde cifrou en 1.800 os proxectos asesorados na Rede de Polos de Emprendemento da Xunta

Pontevedra, 14 de maio de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe en Pontevedra na presentación da 6ª edición do Congreso Flúor de márketing dixital que organiza o Clúster da Comunicación de Galicia en Pontevedra os próximos días 30 e 31 de maio, co patrocinio da Xunta de Galicia, no que destacou a relevancia do emprego dixital no mercado laboral do futuro, para o que Galicia se está a preparar.

O evento, destacou o secretario xeral, permite converter cada ano Pontevedra durante dous días na capital das novas tendencias na comunicación e publicidade no eido dixital, co obxectivo de ofrecer novas ideas e perspectivas.

A transición dixital e verde marcarán o futuro do emprego para o que Galicia quere estar preparada. O representante autonómico resaltou que o Executivo está a realizar, para darlles resposta, un esforzo sen precedentes para ofrecer cualificación para o emprego adaptada ás necesidades do mercado, cun Plan Galego de Formación dotado con 117 millóns de euros este ano e mediante o deseño de accións cos principais clústeres.

A comunidade reforzará, por outra banda, as microformacións de tendencia en Europa, que garanten a reciclaxe dos traballadores: un mecanismo áxil que permite percibir as necesidades do tecido produtivo, indicou Fernández.

O secretario xeral non quixo deixar escapar a oportunidade de referendar o compromiso da Xunta de Galicia coa igualdade laboral, máis aínda en sectores tradicionalmente masculinizados como o da ciencia, as tecnoloxías ou as enxeñarías.

Lembrou que a nova Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, seguirá a apostar polo emprego e o emprendemento e feminino e a poñer en valor o talento e liderado das mulleres para rachar coas fendas de cristal e avanzar en contornas laborais máis igualitarias e xustas e que introduzan a perspectiva de xénero nas súas políticas de conciliación e prevención de riscos.    

Encontro con emprendedores

Previamente, o secretario xeral puxo en valor o potencial da comunidade galega como rexión emprendedora, nun encontro de networking celebrado está mañá pola Asociación de Empresarios de Pontevedra (Aempe) co apoio da Consellería de Emprego, Comercio de Emigración.

O Goberno galego está a apostar polas persoas que desexen investir ou desenvolver unha actividade económica no noso territorio. Pablo Fernández referiuse, nesta liña, á Rede de polos que, con 13 centros abertos,  estase a consolidar como dinamizadora da economía, en especial no rural, ao se nutrir das novas ideas e oportunidades relacionadas, entre outros ámbitos, coa tecnoloxía, o turismo, as enerxías renovables ou as producións orgánicas. A idea, remarcou, é chegar aos 15 centros máis un que atuará como coordinador, e avogar polo acompañamento de xeito máis intenso.

A Rede asesorou desde o seu estreo, hai dous anos, ao redor de 1.800 proxectos. Os promotores atopan nestes centros apoio técnico e experto para o inicio ou renovación dos seus negocios en todas as etapas. Na provincia de Pontevedra -a través dos Polos de Silleda e O Porriño- a Rede xa ten atendido preto de 500 iniciativas empresariais, o 61% delas impulsadas por mulleres. Por sectores, predominan os servizos, seguidos do comercio e da educación. Así mesmo, téñense realizado na provincia case 1.100 titorías, 73 reunións con entidades do territorio, 9 accións de formación e 15 eventos da Rede.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/05/2024