A Xunta achégalle aos máis pequenos o oficio dos zoqueiros a través da figura de Elena Ferro

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiron esta mañá no CEIP Monte dos Postes de Santiago á primeira das demostracións incluídas no programa ‘Artesanía na Escola‘

Elena Ferro, Premio Nacional de Artesanía 2019, é a protagonista de ‘Eu son zoqueira’, a primeira das unidades didácticas deste proxecto de divulgación da artesanía entre os máis novos impulsado polo Goberno galego

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiron esta mañá en Santiago de Compostela á primeira das demostracións do proxecto Artesanía na Escola, iniciado pola Xunta este mesmo ano co obxectivo de achegarlles aos máis pequenos os nosos oficios artesanais e os valores da artesanía. A zoqueira Elena Ferro, Premio Nacional de Artesanía 2019, e protagonista da primeira das unidades didácticas do proxecto, achegouse esta mañá a Santiago de Compostela para iniciar as demostracións prácticas sobre o seu oficio e responder as dúbidas dos escolares.  

Artesanía na Escola consiste na creación de diferentes unidades didácticas monográficas sobre oficios artesanais a través da figura de recoñecidos profesionais da artesanía e poñendo especial atención nos oficios máis tradicionais. Ademais das unidades didácticas en papel, os centros recibirán material didáctico en versión dixital e a visita dalgún dos artesáns que formen parte do proxecto. 

No caso desta primeira unidade didáctica, Eu son zoqueira, protagonizada por Elena Ferro, a coñecida zoqueira de Merza (Vila de Cruces) iniciou as súas demostracións visitando dous centros de ensino composteláns: primeiro o CEIP Monte dos Postes -onde a acompañaron o director xeral de Comercio e Consumo e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia- e, posteriormente, o CEIP Pío XII. 

Cada unidade didáctica falará dun oficio concreto a través da traxectoria dun artesán ou artesá real, co obxectivo de facilitarlle ao alumnado a comprensión do tema ou a ampliación de información, e tamén coa intención de que eses profesionais da artesanía poidan visitar algúns dos centros que están a participar no programa. 

Os obxectivos do programa Artesanía na Escola son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico, poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos, divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea, transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular e, a longo prazo, atallar a remuda xeracional nos oficios artesanais. 

‘Eu son zoqueira’

A primeira das unidades didácticas deste proxecto, Eu son zoqueira, está dirixida ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e está centrada no oficio da elaboración tradicional de zocos a través da figura de Elena Ferro, responsable de Eferro, un obradoiro familiar activo dende o ano 1915 e que viu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019.

Elena Ferro destaca polo seu traballo cun produto característico da tradición rural: os zocos de madeira, que sufriron unha época de crise cando quedaron en desuso e só se empregaban para o traxe tradicional. Esta artesá conseguiu un cambio no valor de uso deste calzado de traballo, outorgándolle un novo significado a este produto sen eliminar a súa esencia e reinventándoo como complemento de moda con constantes innovacións en deseños, materiais e cores. 

A través de ilustracións e dunha linguaxe adaptada para o alumnado de Primaria, explícase a importancia dos zocos como calzado tradicional en Galicia e o oficio da elaboración dun zoco a través das partes que o conforman e das ferramentas empregadas. Nas fichas -que se entregan só en formato dixital- repásanse diferentes conceptos explicados no libro.

  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/05/2024