O Consello da Xunta dálle o visto e prace á contratación, polo procedemento de emerxencia, do servizo de transporte sanitario urxente na área de Vigo
O contrato terá unha duración de 6 meses, coa posibilidade de prórroga por outros 3, en que se tramitará un novo contrato por procedemento aberto
Trátase dunha medida necesaria para garantir a continuidade deste servizo sanitario esencial tras a comunicación da actual empresa da imposibilidade de continuar coa prestación do servizo
O Consello da Xunta abordou hoxe un informe sobre a tramitación de emerxencia para a contratación do servizo de transporte sanitario urxente da área de Vigo.
Esta contratación terá unha duración de seis meses, coa posibilidade de prórroga por outros tres, en que a Consellería de Sanidade, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, tramitará un novo contrato do servizo por procedemento aberto.
O servizo de transporte sanitario urxente terrestre na área de Vigo, que comprende os concellos de Vigo, Cangas do Morrazo e Moaña, é un servizo esencial para a poboación que debe seguir a prestarse, logo da comunicación da actual empresa da imposibilidade de continuar coa prestación do servizo.
O orzamento do servizo de transporte sanitario urxente terrestre na área de Vigo recollido neste procedemento de emerxencia ascende a 2.901.952,48 euros, IVE exento. Está prevista a posible prórroga, por un período de 3 meses e cun importe de 1.380.169,82 euros. O contrato de emerxencia fixa a entrada en vigor para a prestación do servizo no 1 de xuño de 2024.
Garante a continuidade e a calidade do servizo
Deste xeito, a Consellería de Sanidade, a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, garante a continuidade e a calidade da prestación do servizo de transporte sanitario urxente nos concellos de Vigo, Cangas do Morrazo e Moaña e segue a prestar a mellor asistencia ás urxencias e ás emerxencias extrahospitalarias no punto en que se atope o paciente.
Co procedemento de emerxencia do que foi informado hoxe o Consello da Xunta, a Consellería de Sanidade trata de axilizar a contratación deste servizo esencial coa maior brevidade, para seguir a cumprir co seu compromiso coa eficacia, a eficiencia e a calidade desta actividade sanitaria asistencial para a poboación galega.
A Xunta garante a atención ás urxencias e ás emerxencias sanitarias no medio extrahospitalario as 24 horas, os 365 días do ano, nos concellos de Vigo, Cangas do Morrazo e Moaña.