A Xunta realiza labores de conservación e mantemento no rego de bravos ao seu paso polo Concello de Viveiro

As tarefas céntranse nun treito de preto de 2,5 quilómetros e inclúen a roza puntual de arbustos e a retirada de árbores e biomasa na canle para evitar atoamentos

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2024

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento no rego de Bravos, ao seu paso polo concello de Viveiro.

As tarefas, que se desenvolverán en preto de 2,5 quilómetros do rego de Bravos, ao seu paso polas parroquias de Galdo e Landrove, consisten na retirada de árbores e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos así como en labores de roza puntual de arbustos no acceso á canle.

As actuacións, que xa foron comunicadas ao concello de Viveiro, prolongaranse durante aproximadamente unha semana e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoras co apoio de tractores e un camión.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo de conca autonómico, este tramo do rego de Bravos quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Cómpre subliñar que Augas de Galicia desenvolve este tipo de accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección.

O obxectivo é avanzar e mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2024