A Xunta concede 220.000 euros a dez asociacións de criadores para o fomento das razas autóctonas galegas

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas axudas, que esgotaron a totalidade do seu crédito

A finalidade destas achegas é apoiar a creación ou mantemento dos libros xenealóxicos e as actuacións que se deriven do desenvolvemento do programa de cría oficialmente aprobado para a raza

As subvencións non só teñen beneficios para a biodiversidade, senón que contribúen á preservación do patrimonio cultural de Galicia e ao desenvolvemento económico da comunidade rural galega

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se conceden as axudas para o fomento das razas autóctonas galegas. En total, o Goberno autonómico concedeu 220.000 euros -esgotando a totalidade do crédito dispoñible- a dez asociacións de criadores.

 

As beneficiarias destas achegas son as organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, recoñecidas oficialmente pola Comunidade Autónoma para a xestión do libro xenealóxico no marco do Programa de cría da raza correspondente.

 

O investimento total procede dos orzamentos xerais tanto da Xunta, como do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). No marco destas achegas, son subvencionables a creación ou mantemento dos libros xenealóxicos e as actuacións que se deriven do desenvolvemento do programa de cría oficialmente aprobado para a raza.

 

Os obxectivos que se perseguen con esta convocatoria son acadar unha explotación sostible dos recursos autóctonos e o mantemento da súa rendibilidade; a recuperación da variabilidade xenética das razas autóctonas de Galicia, así como a súa potenciación de ser o caso; as diversificacións das actividades económicas no medio rural e favorecer a fixación de rendas complementarias a través da produción con estas razas; o aproveitamento dos recursos naturais e o apoio e difusión da mellora xenética destas razas.

 

Estas subvencións non só presentan beneficios para a biodiversidade, senón que contribúen á preservación do patrimonio cultural de Galicia e ao desenvolvemento económico da comunidade rural galega. Manter medidas de apoio a estas razas tamén permite que se desenvolvan sistemas agrogandeiros máis resilientes e sostibles.

 

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240513/AnuncioG0426-030524-0002_gl.html

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2024