A Xunta determina a creación dunha nova ITV no concello da Coruña

A Consellería de Economía e Industria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se establecerá unha nova estación fixa de inspección técnica de vehículos no municipio

A responsable da posta en marcha das instalacións será a empresa concesionaria, Supervisión y Control Applus+, que prevé ubicala no polígono de Vío

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2024

A Consellería de Economía e Industria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se determina a localización dunha nova estación fixa de inspección técnica de vehículos no concello da Coruña, a primeira coa que contará este municipio.

A normativa establece que a situación das estacións fixas será determinada procurando a total cobertura do territorio, atendendo aos criterios de economía e custo mínimo global do servizo para os usuarios –minimizando o desprazamento que os vehículos teñan que realizar para a inspección e distribuíndo, ao mesmo tempo, as estacións dun xeito equilibrado e lóxico dentro do territorio galego– e posibilitando o autofinanciamento das estacións.

Nos últimos anos, a Administración autonómica está a realizar un importante esforzo por incrementar e mellorar a rede de estacións de ITV en Galicia, en coordinación coa entidade concesionaria, SYC Applus+. Esta compañía será a encargada de poñer en marcha a nova estación de inspección técnica de vehículos, que se prevé ubicar no polígono de Vío.

Desde a Xunta de Galicia avógase por aliñar a Inspección Técnica de Vehículos (ITV) cos retos de futuro do sector da automoción para consolidar esta actividade como un factor esencial para a mellora da seguridade viaria e o medio ambiente. Para dar resposta a este novo escenario, desde a Administración autonómica estanse a desenvolver diferentes iniciativas, como a futura posta en marcha dun centro de desenvolvemento técnico de proxectos de investigación para adaptar a ITV ás transformacións que se están a producir no sector da automoción.

Data de actualización: 13/05/2024