O delegado territorial da Xunta en Ourense participa na presentación da 12ª Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios, Funergal 2024

Ourense, 13 de maio de 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá na presentación da 12ª Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios, Funergal 2024, que se desenvolverá entre o 16 e o 18 de maio, onde sinalou, o importante papel que xoga Expourense na dinamización económica da provincia de Ourense e de Galicia en xeral nun momento no que o tecido empresarial se enfronta a grandes retos.

Manuel Pardo destacou que Funergal fomenta a competitividade e a actualización do sector, cunha ampla oferta de produtos e servizos adaptados ás necesidades dos distintos visitantes profesionais e salientou que este encontro se vai consolidando en cada edición, lembrando que ostenta o recoñecemento como feira internacional outorgado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Funergal 2024 conta coa participación de 55 expositores procedentes dun total de 8 países (China, España, Francia, Italia, México, Países Baixos, Polonia e Portugal). Ademais de recibir visitantes profesionais destes 8 países que contan tamén coa representación na área expositiva, a esta cifra hai que engadir a dos profesionais que xa confirmaron a súa presencia na feira e que virán a Ourense desde países como Alemaña, Brasil, Ecuador, O Salvador, Honduras, India, Nixeria, Perú, Reino Unido e Senegal. En total, 19 países representados nesta edición.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2024