Rueda destaca que a Xunta acelera os trámites para a construción de 560 vivendas protexidas na Coruña

Salienta que o Goberno autonómico remitirá a próxima semana ao Concello da Coruña o documento de modificación do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) para incrementar as vivendas protexidas no barrio de Xuxán

Lembra que o barrio contará con “máis de 1.500 vivendas protexidas”, das que 40 xa foron entregadas a finais de 2023 

A modificación do PXOM permitirá mudar o uso de dúas parcelas propiedade da Xunta, nas que se poderán construír 520 vivendas protexidas, e doutra municipal, na que se poderán executar outras 40 

O Goberno galego continúa reforzando a súa aposta para facilitar o acceso á vivenda aos cidadáns, tal como reflicte o orzamento deste ano do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que aumenta un 26,4% ata preto de 178 M€

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello acordou hoxe “acelerar os trámites para a construción de 560 vivendas protexidas no barrio de Xuxán na Coruña”. Para iso, o Goberno autonómico remitirá a próxima semana ao Concello da cidade o documento de modificación do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM).

No marco do “obxectivo de duplicar o parque público residencial”, o Consello autorizou hoxe o proxecto de acordo polo que se toma razón da presentación no Concello da Coruña do documento da modificación puntual núm. 17 do Plan xeral de ordenación municipal no ámbito do sector SURT-2, na área Parque Ofimático/ Xuxán.

O Goberno galego enviará este documento da modificación ao Concello para que inicie a súa tramitación, trasladándoo á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para proceder á avaliación ambiental estratéxica.

Dada a elevada demanda de vivenda protexida no concello da Coruña, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) considerou conveniente propoñer ao municipio a modificación do plan parcial para mudar o uso previsto nas parcelas de xeito que estas se poidan destinar á construción de inmobles.

O obxectivo é modificar a ordenación e os usos da parcela Z41, de propiedade municipal, e das parcelas Z44 e Z46, de titularidade autonómica, co fin de incrementar a edificabilidade residencial do ámbito, reducindo na mesma medida a edificabilidade destinada a uso terciario.

A modificación do PXOM permitirá cambiar o uso de dúas parcelas propiedade da Xunta, nas que se poderán construír 520 vivendas protexidas. Tamén se modificará unha parcela municipal, na que se poderán construír 40 vivendas protexidas.

Vivenda pública

O presidente da Xunta lembrou que o Goberno autonómico rematou e entregou a finais de 2023 “un bloque de 40 vivendas de promoción pública” neste ámbito de Xuxán.

Tamén se atopa adxudicada a obra de construción doutras 40 vivendas, redactado o proxecto dun grupo de 50 e pendente de licitar a redacción do proxecto doutras 14 vivendas. En total, serán 144 vivendas de promoción pública construídas polo Goberno galego.

Ademais, dúas cooperativas acometerán 256 vivendas protexidas para alugueiro nas cinco parcelas adxudicadas en dereito de superficie, polo que, pasado o período de concesión, as vivendas pasarán á propiedade da Xunta de Galicia.

Neste sentido, Rueda resaltou que “un barrio de recente creación como Xuxán” contará “con máis de 1.500 vivendas protexidas”, sumando as construídas pola Xunta e as executadas por promotores e cooperativas sobre solo adxudicado polo Goberno galego.

Aposta pola vivenda

O Goberno galego continúa reforzando a súa aposta para facilitar o acceso á vivenda aos cidadáns. Así o reflicte o orzamento deste ano do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que aumenta un 26,4% ata preto de 178 M€, reservando o 45% dos seus investimentos a incentivar medidas de acceso á vivenda, e triplicando ata os 32 M€ os fondos para construír 737 vivendas públicas nas 7 grandes cidades galegas.

As contas autonómicas tamén recollen unha partida de preto de 32 M€ para manter os incentivos económicos á construción de inmobles destinados a alugueiro social e ás axudas aos inquilinos para pagar as súas rendas.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2024