Rueda anuncia que a Xunta remite ao Parlamento o proxecto de Lei de recursos naturais para a súa aprobación

O Consello retoma nesta nova lexislatura a tramitación da lexislación que permitirá para reter en Galicia o beneficio ambiental económico e social dos proxectos que impliquen a produción de enerxía renovable e as concesións de augas e minaría

Salienta que o obxectivo é “avanzar cara a unha economía máis sustentable” e situar Galicia “coma un referente na transición enerxética”

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello acordou hoxe retomar nesta nova lexislatura a tramitación do proxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia. “Aprobouse para remitila xa ao Parlamento e o obxectivo é que os froitos do aproveitamento dos nosos recursos naturais revertan en Galicia”, indicou.

O Goberno galego xa aprobara o pasado 21 de decembro o proxecto de lei, antes da publicación do decreto de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións, que saíu no Diario Oficial de Galicia do 26 de decembro. Nesta nova lexislatura, cumpría aprobar de novo o proxecto de lei, así como a súa remisión ao Parlamento.  

O obxectivo é contar cunha lexislación de referencia no aproveitamento dos recursos naturais tanto desde o punto de vista da sustentabilidade -velando por que se lles asignen usos óptimos e con vocación de perdurar no tempo- como  do retorno social -poñendo esta riqueza ao servizo dos galegos-. “Grazas a esta normativa seguiremos avanzando cara a unha economía máis sustentable e Galicia será un referente na transición enerxética”, resaltou Rueda.

Durante a súa tramitación, logo do período de audiencia e información pública, así como da emisión dos distintos informes, introduciuse unha serie de propostas que melloran a claridade e precisión do texto co obxectivo de achegar unha maior seguranza xurídica. 

Esta norma busca aproveitar a abundancia dos recursos naturais de Galicia para reter na Comunidade o beneficio ambiental económico e social dos proxectos que impliquen a produción de enerxía renovable e as concesións de augas e minaría. 

Así, unha das principais novidades, tal e como explicou Rueda, consiste na integración dun estudo de impacto socioeconómico nestes proxectos, independentemente de que precisen de avaliación ambiental, valorando beneficios como “a creación de emprego, a mellora ambiental na contorna ou a redución do custo enerxético” aos consumidores locais.

O proxecto tamén prevé a participación da Administración nos proxectos mediante sociedades mercantís privadas; o establecemento de instrumentos financeiros para apoiar as iniciativas, tales como préstamos, garantías ou incentivos fiscais; a introdución do canon á eólica mariña, cuxos beneficiarios serán os concellos afectados e o sector pesqueiro; un fondo con achegas públicas e privadas para financiar actuacións de recuperación das zonas afectados por incendios; unha regulación específica para facilitar o autoconsumo nas áreas empresariais; a creación dun mercado voluntario de créditos de carbono e un plan de valorización integral de residuos con alto potencial de biometanización. Ademais, facilita o impulso de infraestruturas relacionadas coa mobilidade eléctrica. 

Esta normativa axudará a dinamizar o medio rural, pois a localización de proxectos empresariais de interese común que repercutan de xeito positivo no territorio contribuirá a combater o despoboamento, a degradación dos espazos naturais e permitirá loitar contra os efectos do cambio climático. En definitiva, aumentará a resiliencia do propio medio rural, pero tamén o da sociedade no seu conxunto, xa que os proxectos facilitarán a dinamización social, non só polo emprego directo, senón polas compensacións que se establezan.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2024